É difícil non sorrir ou enfadarse, dependendo do estado de ánimo, ao observar a loita encarnizada entre concellos por converterse na capital do Nadal. Unha competición onde as estrelas máis brillantes non son as do ceo, senón as do alumeado eléctrico. Cidades, vilas e localidades máis pequenas, todas parecen disputar quen engade máis lumenes á noite e, de paso, máis ceros á factura. Pero mentres as lámpadas multiplican o seu fulgor, o Consello da Cultura Galega achéganos unha proposta serena e sensata: un decálogo por un uso responsable da iluminación artificial. Un documento que apela á reflexión e ao equilibrio para recuperar un recurso esquecido, pero valioso, como é a escuridade do ceo nocturno. Ese cosmos que semella estar apagado.
A luz, lembra o informe, non só é útil; tamén contamina. Ten efectos directos sobre a nosa saúde, a biodiversidade e o medio ambiente. Por iso, as recomendacións diríxense a poñer freo á tendencia de iluminar indiscriminadamente sen ter en conta as consecuencias. Entre as medidas propostas destacan a creación de mecanismos de control nos servizos de ordenación urbana, a esixencia de avaliacións de impacto ambiental en proxectos de alumeado público e a redución dos contrastes de iluminación entre zonas próximas. É dicir, trataríase de darlle prioridade a unha iluminación funcional e sostible sobre a obsesión actual pola intensidade e o exceso.
Outro dos aspectos clave do decálogo que se propón é o chamamento á regulación das pantallas publicitarias de brillo extremo, esas que converten aos espazos públicos en espectáculos permanentes de luz. O documento propón que, igual que se regulan os elementos arquitectónicos ou urbanísticos, se establezan criterios claros para harmonizar o impacto da luz no espazo urbano. Non se trata de estigmatizar a iluminación, senón de limitar os seus excesos, evitando que converta ás localidades en espazos cegadores, á mesma vez que faltos de eficiencia enerxética de seu.
As zonas rurais tamén reciben unha mención especial. Ao seren espazos con menor contaminación luminosa, calquera intervención excesiva ten un impacto máis profundo. Por iso, o documento incide en que as administracións deben ser especialmente cautelosas neste contexto, evitando importar modelos urbanos pouco axeitados. A luz debe adaptarse á funcionalidade e á realidade de cada lugar, sen caer en dinámicas de imitación ou competitividade sen sentido.
O decálogo aposta pola educación e a concienciación cidadá. Non chega con aprobar normas ou deseñar políticas; é necesario que a sociedade comprenda os efectos da contaminación luminosa e valore a importancia de preservar a escuridade do ceo nocturno.
Porque, ao final, este é un chamamento ao sentido común. A iluminación é unha ferramenta poderosa que mellora a vida das persoas, pero o seu uso excesivo ou inadecuado trae máis prexuízos ca beneficios. Reflexionar sobre como, onde e cando iluminamos debería ser parte dun debate máis amplo sobre o impacto humano no planeta e sobre como queremos construír o espazo público que habitamos. O ceo nocturno, agarda por nós. É hora de poder velo no seu total esplendor.