Morre tranquilo, amigo

Ao descubrir que “o xene é a secuencia de ADN que constitúe a unidade funcional para a transmisión das características hereditarias”, o amigo xa morre tranquilo. El vaise, pero sabe que os cromosomas transportan e transmiten a súa información xenética, aos fillos e dos fillos aos netos, se os hai; aos bisnetos e aos vindeiros todos, poida que ata a eternidade.


A ciencia é quen explica a vida eterna, segundo este home que naceu cerca de Lobeira e que viaxou polas serras e os vales de Galicia, parándose detidamente nas alturas, baixo do sol raiólante, na compaña do aire seco e moitas veces frío, como se golpeara xeado. É a ciencia e os científicos, que nesta soidade aterradora lle entusiasma. É a realidade mesma que se pon no seu punto de mira agora, cando pasou a mocidade, cando cree que “algo hai despois do que somos”.


Agora, cando quere recuperar o tempo perdido, á soidade agárraa coas dúas mans, como se fose unha arma de guerra, e loita con ela, déitase con ela e con ela esperta cada mañá. A outras persoas pásalles o mesmo, queren ser e decátanse, de contado, que non son. Por ser, prezados lectores, non somos ninguén. E “os ninguén, di o amigo, tampouco son obedientes”. Ou si? Quen sabe?!


De ciencia, os ninguén saben pouco e poucos dos que non son ninguén puideron aprender. Os que estudaron, leron e aprenderon saben moito e moito lles queda por saber. Se alguén pretende acadar a vida eterna, como o amigo de cerca de Lobeira, deixar pasar o tempo e non ter fin, élle mellor cultivar a fe (se é necesario afiliarse a algunha relixión) e avivar a súa crenza en que Deus existe. Con esas actitudes, calquera, por egoísta que sexa, pode morrer tranquilo.


E despois que? Despois Deus dirá! Explícano os teólogos, eses homes que, baseándose nos textos sagrados e na tradición, estudan as relixións e ocúpanse dos asuntos divinos. A Tía Manuela entende que “é primordial fiarse da ciencia, de quen estuda, de quen sabe e de quen aprende”.


Niso estamos, con dúbidas diante do futuro e con moitas dúbidas diante do presente, sen saber que será de nós. O amigo deixou de fumar cando era vello, fuxiu da melancolía ao mesmo tempo, foise para ningures e alí está agardando que cante o merlo. Xa ten herdeiro, logo, pode morrer tranquilo. Cando sexa o caso, seguirá na memoria.

 

Morre tranquilo, amigo

Te puede interesar

Javier García Sánchez
Xosé Castro Ratón
Javier García Sánchez
Xosé Castro Ratón