Os que xa non somos moi novos seguramente teremos canturreado que hoxe é 20 de abril (“...del 90, hola chata ¿cómo estás?”) daquela canción dos Celtas Cortos. En aquel abril do 90, xa lonxano, estábase construíndo o AVE Madrid – Sevilla, que se abriría con motivo da Expo Universal do ano 1992. 32 anos despois temos o AVE en Galicia, que xa chegou hai máis de dous anos pero que amplía a súa expansión a moitos máis puntos do territorio.
O eixo atlántico conectará coa meseta en AVE e fará as distancias máis curtas. Nun sentido e tamén noutro, que ás veces un comproba certa dose de complexo de inferioridade ao pensa que o importante é conectarse dende aquí cara Madrid cando, a verdade, é que resulta tamén de moito interese o que conseguiremos atraer dende o centro da península cara aquí. O AVE suporá máis viaxeiros, e un pulo ao noso turismo á vez que fará máis fácil a conexión que impulsa dinamismo e economía. Todo ben.
Non foi fácil, iso é obvio. A eterna demora da chegada da alta velocidade evidencia que hai que superar moitos atrancos. Os xeográficos (que non son fáciles) e os outros, que son as reticencias duns e doutros. Certo é que son os cartos dos impostos de todos os españois, pero tamén o son cando investimos naquel AVE a Sevilla ou nos aeroportos de tantos lugares. Crítica absurda, por tanto. E tamén ás reticencias dos grandes polos económicos que prefiren absorbelo todo. Houbo que superar tamén o tempo en que o AVE se paralizou, asombrosamente, por dous galegos como Rajoy e Ana Pastor que o tiveron durante anos metido nun caixón. Vese que cando se pasa o Padornelo algúns cren que facerse pasar por madrileños failles mellores.
Pero tamén hai galegos en Galicia que semellan estar molestos co avance. Non paro de ver a algúns dirixentes poñendo sempre un problema, unha queixa ou un incordio a grandes avances coma este. Sempre hai políticos amargados e pesimistas, que non queren celebrar esta chegada porque cren que é aplaudir ao rival. Soberana tontería.
Eu celebro a chegada, tardía pero chegada. Porque houbo quen quixo que isto non pasara, e porque hoxe estamos máis próximos e iso fai as cousas mellores.