Goles en propia meta en Catar

Celebrar un mundial de fútbol de Catar é unha decisión horrible. A diferenza doutros grandes eventos deportivos, nos que se fai habitual referencia ao impulso social e económico que produce o seu impacto nas cidades ou países nos que se celebra (como Barcelona tras os Xogos Olímpicos), este mundial de fútbol non pretende dar un empurrón ao país porque a súa macroeconomía non o necesita, nin mellorar as súas condicións sociais xa que en realidade acentuaranse as diferenzas. Este mundial só é un lavado de cara e unha maior vinculación dos grandes xeques co mercado global do fútbol. As moi sospeitadas comisións millonarias na decisión e a aparición de fortunas que invisten en clubs de fútbol punteiros xa veñen nese camiño.


Se cadra é unha boa oportunidade, tamén, para ter unha reacción colectiva ante un sistema de vida intolerante coas minorías e inxusto coa maioría da poboación. É bo aproveitalo. Recoñézome dubitativo sobre se iso debe facer que ninguén o vexa por televisión, se os boicots son reais, posibles e efectivos e se pode existir visión escrupulosamente deportiva nese contexto. O que si sei é que non é a primeira vez que estamos ante unha situación así. Equipos españois disputan dende anos unha competición oficial en Arabia Saudita, algún deles ten levado publicidade de Catar na súa camisola e España xa ten xogado partidos contra Guinea Ecuatorial, por poñer exemplos. O último mundial de fútbol, por curiosidade, foi en 2018 en Rusia. E si é certo que algunhas voces existiron naqueles momentos, pero probablemente non tiveron (ou non se quixo que tiveran) maior eco. Por que? En parte seguro que é porque “hai que separar deporte e política”, como nos din habitualmente... os que defenden a mesma idea política e os que viven comodamente do deporte.


Se é por indignarse con competicións de fútbol que branquean ditaduras, non será o primeiro. En Arxentina 78, a selección holandesa negouse a recibir as medallas de prata para non dar a man a Videla, Massera, Agosti e demáis secuaces. O porteiro sueco Hellström acompañou as Nais da Praza de Maio manifestándose diante da Casa Rosada. “Era unha obriga coa miña conciencia”, dixo. Paul Breitner, titular indiscutible na selección alemá que defendía título por entón, non xogou ese mesmo mundial en protesta pola ditadura arxentina e escribiu: “Aínda que debemos ter no deporte a nosa principal preocupación, non debemos ser eunucos políticos”.


Se o mundial é unha gran oportunidade para a reivindicación, o é polos focos que terá postos. Diante deles estarán os futbolistas, que son imaxes de referencia para moitas persoas. É o seu momento, máis que o de calquera outra persoa. Veremos que ocorre en Catar.

Goles en propia meta en Catar

Te puede interesar