Comisariada por Silvia Longueira e María Antonia Pérez, a Fundación Luis Seoane presenta a mostra “Identidade, memoria histórica e movementos sociais”, na que, a través de mais de cincuenta pezas que incluen óleos, gravados, debuxos, obra gráfica e libros, entre outros, pódese comprobar, unha vez máis, a polifacética persoalidade do noso grande artista, así como a inxente labor creadora que levou a cabo. Tamén se pode constatar que a forma e a cor van estreitamente xunguidos no seu quefacer, tal como xa el sinalara: “A cor fai xurdir a forma na miña obra”. Un aspecto a destacar é a súa persoal sintaxe, que acada o cumio cando, tras unha viaxe por Europa no ano 1949, asimilará os achádegos das vangardas: do expresionismo e do constructivismo, entre outros. A partir de aí a configuración das súas obras caracterizase pola esencialidade compositiva, na que artella planos das máis variadas formas que se achegan a abstracción, pintados de cores planas, con soltos grafismos perfiladores ou con trazos que aportan un forte impacto visual. Respecto á identidade expóñense obras que teñen que ver coas xentes de Galicia, coa paisaxe e as tradicións populares, como se pode constatar en pezas como “A malla” ( 1954), “A sega” na que tres pequenas mulleres inclínanse, fouciño en man, contra unha verdosa leira; singular é a obra “Grave figura sentada” (1962), na que recolle o acougado hieratismo de noso que tivo no románico a súa máis importante expresión; “Muller con vara de rosquillas”(1950), pintada en cálidos tons terra e laranxa permite tamén apreciar esa identidade, esa maneira de ser da Galicia popular... O achegamento á nosa paisaxe maniféstase de xeitos varios, xa por medio dunha sintética composición de dous alongados planos azuis horizontais contra un fondo marelo, como en “Paisaxe da ría” (1964); xa por medio de brancas e ondexantes ondas picudas contra un fondo azul, como en “Mar do Orzán” (1963). Un notable exemplo da época en que xa ten acadado a súa singular linguaxe, na que utiliza planos perfilados por liñas e riscos negros, é a obra de 1977 “Meiga, toca e lúa”, na que, sobre un liso fondo marelo, destaca o ampuloso plano marrón que envolve á figura, cuxa humanidade só pode verse pola media lúa e os dóus círculos brancos que aluden ao rostro e os peitos. A memoria histórica, os aspectos sociais e o mundo do traballo son teimas que teñen presencia importante no seu imaxinario e que podemos comprobar en obras como “Guerrilleiros” (1950), “Ruínas da guerra” (1949), “O proceso de Burgos” (1971) e un conxunto de debuxos dos anos 50 nos que se aprecia a influencia de George Grosz, como o que representa a un paisano sentado sobre a súa maleta e que leva a lenda “Son un home que marcha. Son un home que emigra...” Luis Seoane une a innovación estética co seu fondo compromiso co ser humán e as xentes de Galicia i establece relacións entre a intuición e os aspectos críticos e racionais ou, si se quere, entre o popular e o intelectual .