Pagar impostos onde se produce

A liberdade de empresa inclúe a decisión, no marco da legalidade vixente, de onde se quere radicar o investimento empresarial. Mais de xeito ningún existe un dereito das empresas a elixir libremente os seus domicílios social e/ou fiscal. O domicilio social ha estar onde se dirixa a empresa de xeito efectivo ou onde estea a súa principal explotación económica. O domicilio social determina sempre o domicilio fiscal, agás que no mesmo non se dirixa efectivamente a empresa. Nese caso o domicilio fiscal será ese lugar de dirección e administración efectiva da mesma.


     Xa que logo, a definición dos domicílios social e fiscal non lle pertence ás empresas, senón que está regulada legalmente. Velaí que unha simple reforma das Leis Xeral Tributaria e de Sociedades de Capital poida vencellar necesariamente  os domicílios fiscal e social co territorio onde desenvolva a empresa a súa actividade económica principal. O que obrigaria ENCE, STELLANTIS ESPAÑA ou ALCOA ESPAÑA (entre bastantes outras) fixar os seus domicilios social e fiscal na Galicia, computándose no noso País as cotas tributarias dos Impostos de Sociedades que se recaden (dende 2027 acadarán polo menos un 15% do resultado de explotación). Un Imposto que podería ser cedido parcialmente a Galicia e outras Administracións autonómicas, como xa foron cedidos o IRPF e o IVE ( nun 50%) e máis os Impostos indirectos especiais (nun 58%).


    No 2022 foron 185 as empresas galegas que mudaron o seu domicilio social a outros territórios do Estado, mentres que no 2021 foron 91. 4441 empresas con actividade económica neste País pagan os impostos en Madrid. A isto contribúe unha agresiva política fiscal da Comunidade madrileña, que lle permite deducir aos seus residentes o 20% dos seus investimentos no capital de sociedades que accedan ao antigo mercado alternativo bursátil (hoxendía BME Growth)  até un máximo de 50.000 €, sempre que o  domicilio social  da nova cotizada se fixe na rexión madrileña.. É dicir, que se unha residente madrileña inviste 250.000 € nunha destas empresas de nova cotización, deducirá na súa base impoñíbel 50.000 €. Excuso contarlles as presións cotiáns dos fondos e outros operadores para trasladar a Madrid os domicílios sociais das empresas que queiran acceder á cotización bursátil do BME Growth.


  Velaí as oportunidades que xurden para remudas do marco xurídico-político que  benefician tanto ao autogoberno como ao desenvolvemento económico galegos cando non existen maiorias absolutas unionistas (quer unipartidistas, quer dos bloques estatais de dereita e de esquerda).


 E, falando deste mesmo contexto fiscal, cumpriria coñécermos de vez as balanzas fiscais, canda tamén as balanzas ambientais e de intercambios comerciais entre as distintas nacións e territorios do Estado..  Mais que nada para irmos coñecendo  se Galicia  vive da solidariedade estatal ou, máis ben segundo as fontes máis autorizadas, se somos por nós propios un País de futuro.

Pagar impostos onde se produce

Te puede interesar