Anda sendo noticia estes días o infumable comportamento do xefe de gabinete de Díaz Ayuso. Lonxe de contribuír a rebaixar a tensión que provoca día a día a presidentísima suprema do Madrid “que es España dentro de España”, este suxeito alimenta unha tensión probablemente insoportable. Certo é que un empeza a estar un pouco farto de que as leas da política madrileña teñan que ser escoitadas día si e día tamén por todo o país, coma se todos os de provincias tivésemos que estar pendentes do que pasa na capital. Pero non é menos certo que o que alí ocorre é unha imaxe do que está a suceder no conxunto.
Vaia por diante que sinto certa distancia co feito de que os periodistas sexan os protagonistas das novas e da actualidade. Pasa, dende hai tempo, en ámbitos moito menos racionais e bastante pouco edificantes como certa prensa deportiva, que importou dos programas do corazón a peor e máis vulgar parte. Pero a cousa, aquí, non está nunha cuestión corporativista (que dende o punto de vista do xornalismo enténdese ben) se non na maneira global de afrontar a realidade plural e política do país.
O macarrismo ao que se nos acostuma, por hábito, por señores como o tristemente coñecido Miguel Ángel Rodríguez ou a propia Ayuso, enturbia todo o que toca e impide que poidamos ter debates sobre as cousas importantes.
É o mesmo tufo soberbio e altivo que tamén en terras galegas teñen amosado algúns dirixentes con poder que unicamente gustan del para dar mandobles e tentar de amedrentar a outros. Son xestos propios dos acomplexados que cren que dirixir é ter súbditos.
Detrás de todo está a sensación de superioridade de quen cre que o poder ten propiedade. Súa, por suposto. Non aceptan xa non a idea de non dirixir e ser adorados e adulados, se non sequera a simple idea de equivocarse nalgunha ocasión. Desprezan e xeran tensións e odios innecesarios. Son todo o que non precisa a política e, en realidade, ningunha actividade.
Ao final, detrás de todo, hai un fraude fiscal de moitas cifras e un enriquecemento que xa veremos se foi legal pero nunca ético. Hai unha presidenta de comunidade autónoma camiñando ao borde da connivencia cos delitos e a saber se hai, ou se o saberemos, unha trama máis grande detrás.
E, aínda por riba, hai que aguantar aos matóns que pretenden amedrentar a quen fai o traballo máis produtivo, que é informar. Menos mal que aínda nos queda algún xornalismo. Bravo por el.