Sementar esperanza

No reino das datas conmemorativas, dous titáns eríxense  no podio: o santoral católico, co seu extenso catálogo, e o calendario de Días Mundiais, un desfile de reivindicacións, profesións e obxectivos que van desde o nobre ata o interese comercial. En ambos os casos, a lista de santos e santas, así como a variedade de causas e actividades profesionais para o seu recoñecemento, é tan extensa que deben compartir día. No santoral, cada santidade ten a súa propia historia, as súas propias virtudes e milagres atribuídos, pero debido ao gran número deles, non é posíbel contar con días en exclusividade e daquela deben compartir data con outros.


Do mesmo xeito, nos Días Mundiais, atopamos unha gama infinita de temas, todos competindo pola consideración e o agradecemento nun mesmo día. É curioso, pois, como tanto na esfera relixiosa como na secular, a diversidade e a multiplicidade de causas e recoñecementos reflicten a complexidade da nosa sociedade e as nosas aspiracións. Xa sexa na veneración das persoas consagradas pola Igrexa ou na promoción de diversas causas mundiais, parece que compartir día é unha necesaria práctica común que reflicte a riqueza e a variedade das nosas preocupacións e das aspiracións colectivas.


Por iso, cada 8 de maio, entre outros, conmemoramos o Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, o das e dos Bolseiros e aínda outro máis dunha actividade industrial. Ao antedito, súmase tamén a considerada “Xornada de recordo e reconciliación en honra de quen perdeu a vida na Segunda Guerra Mundial”. E dicir, imos servidos dabondo para reflexionar dos males planetarios.


Así e todo, reparemos en que tanto o voluntariado da Cruz Vermella como os bolseiros comparten valores fundamentais que os guían na procura dun futuro mellor. Ambos están impulsados pola ilusión de construír un porvir, xa sexa no ámbito social ou profesional; achegando a diario o seu entusiasmo, habilidades e coñecementos frescos ás entidades onde traballan, representando unha fonte de innovación e promovendo a transferencia entre xeracións de destrezas e experiencias.  


Porén, neste camiño, atópanse cunha serie de atrancos e abusos que a miúdo poden desanimalos.


A veterana ONG, enfronta desafíos como ataques, falta de protección e obstáculos loxísticos na misión de brindar axuda humanitaria ás persoas que o necesitan. As e os bolseiros loitan contra a falta de oportunidades e a presión por destacar nun mundo laboral no que moitas veces teñen que facer tarefas alén do convenio de bolsas, á ausencia ou baixa remuneración, ao incumprimento dos obxectivos de formación; e, alén de pequenos avances, falta de protección e absoluta precariedade.  


A pesar destas adversidades, tanto a Cruz Vermella como os bolseiros realizan o seu labor con determinación, inspirados polo seu compromiso a prol dun futuro mellor. Sementan esperanza.

 

Sementar esperanza

Te puede interesar