Arousa clama contra as violencias machistas ao grito de que “arda o medo”

Lecturas de manifestos, performance, teatro e manifestacións coparon a xornada
Arousa clama contra as violencias machistas ao grito de que “arda o medo”
A manifestación de Vilagarcía foi un dos actos máis seguidos da xornada conmemorativa | GONZALO SALGADO

“Téñennos medo porque xa non temos medo” foi, posiblemente, a consigna máis repetida nas rúas de Vilagarcía na manifestación convocada con motivo do Día contra a Violencia Machista. O feminismo volveu percorrer as rúas en lembranza daquelas que foron asasinadas polo “único feito de ser muller” reivindicando a necesidade de denunciar aos agresores e de ser “donas das nosas vidas” e plantarlle cara “ao patriarcado”. Todo sen medo a ser escoitadas ou silenciadas “como aínda segue a acontecer co feminismo”.  Conscientes de que a loita neste ámbito segue a ser parte da actual axenda política, tanto no manifesto elaborado polo Consello Local da Muller –e que foi lido pola baloncestista local, Sara Gómez para reivindicar a igualdade no deporte– como nas palabras pronunciadas por representantes de O Soño de Lilith incidiuse no feito de que “negar a violencia machista tamén é violencia”, ao mesmo tempo que se fixo fincapé nas violencias económicas, simbólicas e propiamente culturais que sofren día a día as mulleres. “O feminismo está en constante estado de indignación. Querémosnos vivas e non imos parar”, gritaban dende O Soño despois de provocacións moi puntuais vividas ao longo da marcha que se iniciou e rematou na Praza de Galicia. Pediron “frear aqueles discursos que negan a violencia” e reclamaron un “plan de coeducación integral nas aulas” sabedoras –e botando man das últimas enquisas publicadas– que cada vez son máis novas as vítimas e tamén os agresores e que hai mozos de entre 16 e 21 anos que consideran que forzar unha relación sexual “non é violación”.


A manifestación foi o acto máis vistoso e tamén más participativo que puido verse e vivirse na capital arousana, pero a xornada dedicada integramente á loita para a eliminación da violencia contra as mulleres comezou coa interpretación musical das alumnas da escola Bernardo del Río, Adriana Diéguez e Anqi Cheng. Un recurso que tamén empregaron noutros puntos da Ría de Arousa nos que conmemoraron o 25-N coa lectura dos manifestos institucionais ou actividades variadas para intentar implicar á cidadanía. Así pois en Ribeira houbo unha vistosa performance coa creación dun cemiterio cos nomes das mulleres asasinadas. Durante a xornada tamén se celebrou un curso de audefensa personal para mulleres. En Boiro houbo unha sesión de contacontos con perspectiva de xénero e en Rianxo unha concentración.


Os actos –moitos deles celebrados xa na xornada do venres ao cadrar este ano o 25-N en sábado– espallaronse pola comarca do Salnés e tamén por Ulla-Umia. En Cambados a música feminista pinchada por Señora DJ puxo a ambientación musical á lectura do manifesto ao que asistiron varios colectivos da localidade. En Ribadumia foi a Agrupación Músico Cultural a que se encargou de ofrecer un concerto ao remate da lectura e os colectivos feministas tamén optaron por actos concretos con Féminas en Acción en Vilanova ou Feministas de Catoira na localidade vikinga. En A Illa unha andaina na que participaron arredor de 80 personas foi o acto central da xornada, mentres que en Sanxenxo a programación máis intensa se viviu pola tarde no Pazo Emilia Pardo Bazán. En Caldas e Pontecesures, así como en Catoira por parte dos respectivos concellos, houbo reivindicacións con lemas contundentes contra a violencia de xénero. No Grove tamén se procedeu á lectura do manifesto institucional.


Cabe recordar que os actos centralizados no día propio se complementaron ó longo de días pasados con actividades que implicaron sobre todo ao alumnado dos centros educativos da comarca baixo a premisa de tentar espandir a mensaxe contra as violencias machistas dende as aulas e dende moi novos. Algúns concellos aínda celebrarán máis actividades ata que remate este mes de novembro. 

Arousa clama contra as violencias machistas ao grito de que “arda o medo”

Te puede interesar