Foi no ano 1980 cando o mestre de Literatura Española José Ramón Alonso de la Torre decidiu poñer en marcha no instituto de Fontecarmoa (como así se chamaba o Bouza-Brey naquela época) unha pequena revista estudantil na que o alumnado puidese expresarse e compartir talentos e inquedanzas. Foi así como naceu “A miña voz”, o xerme do que anos máis tarde (no curso 85-86) sería a revista “Bardos”. A publicación con ese nome que conserva ata hoxe nacía da man dun profesor de Historia e novelista, Miguel Suárez, que era tamén o director do centro educativo. Sacáronse dous números e a revista non volvería a ver a luz de novo ata o curso 89-90 con xente do departamento de Xeografía e Historia que quixo recuperar a iniciativa. O nacemento do instituto Cotarelo Valedor no curso 91-92 levou a eses mestres a abandonar Fontecarmoa, pero a semente de “Bardos” xa estaba plantada. O mestre de Matemáticas Roberto Vidal segue adiante co proxecto e saca o sexto número. O resto –o que aconteceu a partir do curso 93-94 con esta publicación– xa é cousa da profesora de Lingua Galega e Igualdade, Isabel González Avión. Ela foi a promotora e directora de “Bardos” dende o seu número 7 e ata o 82 que saiu hai tan só uns días.
“82 números e un especial que se fixo do ano da Memoria”, puntualiza Isabel. Ela conserva todos e cadaún dos números de “Bardos” e recoñece que a reconversión do instituto Bouza-Brey nun centro integrado de Formación Profesional “vai complicar moito a súa continuidade”. Ela –nai da publicación durante os 29 anos que deu clase neste instituto– non seguirá no instituto o próximo ano, dado que nel desaparecen as Humanidades ao deixar de impartirse a ESO e o Bacharelato. “É certo que a “Bardos” naceu nun instituto que era de Formació Profesional, pero o FP daquela tiña asignaturas de humanidades, non coma o de agora”, recorda. De feito sinala que “a xente que facía a revista daquela eran uns auténticos máquinas, xente moi ilusionada e iso notabase”.
Isabel González está convencida de que o alumnado que participou ao longo de todos estes anos na “Bardos” supera o millar. “Temos casos de pais que escribiron nesta revista e que agora foron os fillos os que o fixeron. É algo bonito”, apunta. Ela conserva unha colección particular con todos os números da “Bardos” e hai outra na biblioteca do centro, que coa reconversión será sometida a obras. “É por iso que se decidiu que toda a colección sexa doada ao Museo Pedagóxico de Galicia, para que quede alí e se conserve”, manifesta Isabel.