O Festaclown aterrizará en Vilagarcía con catro estreas absolutas. Estes son os horarios e as datas das exhibicións

O Festaclown aterriza por décimo ano consecutivo nas festas patronais de San Roque e faino con opcións para todos os públicos
O Festaclown aterrizará en Vilagarcía con catro estreas absolutas. Estes son os horarios e as datas das exhibicións
A presentación do Festaclown foi nos Xardíns de Ravella | MÓNICA FERREIRÓS

O Festaclown chega a Vilagarcía con toda a súa artillería pesada e faino para ofrecer seis días de risas, diversión e conciencia social. A chamada “festa da risa” desembarca na capital arousana o día 19 e culmina o 24. Será –como marca a tradición– en diferentes emprazamentos na rúa co obxectivo de que sirva como elemento dinamizador.


O Festaclown trae este ano a Vilagarcía catro estreas absolutas e seis espectáculos que se verán por primeira vez en Galicia. Na presentación estiveron o alcalde, Alberto Varela, a edila de Cultura, Sonia Outón, e o conselleiro de Cultura, José López Campos.


A primeira sesión deste espectáculo circense na rúa será o día 19 a partir das sete e media da tarde da man da Fundación Tchyminigagua, que chega dende Colombia coa súa fascinante invención dos zancos en patíns, para ofrecer un espectáculo que non deixará indiferente a ninguén.


Dende Culturactiva o seu voceiro, Nacho Fungueiriño, incidiu en que “hai proxectos moi interesantes, porque moitos son de rapaces nacidos en barrios desfavorecidos e que agora están  ofrecendo este tipo de espectáculos”. Ademais –indicou– “mantemos a programación internacional de calidade”.


Serán un total de 22 espectáculos entre os que figuran grandes nomes do ilusionismo como Miguel de Lucas ou as compañías circenses internacionais Tchyminigagua e Circ Colokolo. A primeira de Colombia e a segunda de Marrocos. Outras compañías internacionais de referencia son o Zirko Txosko, Orain Bi ou Ameba teatre.

 

 


Programación

Tras a espectacular exhibición de Tchimizayaguas na estrea do 19 a Praza de Galicia será escenario –ás nove da noite– da proposta “Meninas”, de 7bubbles.


O martes 20 estréase polas rúas da cidade a partir das once a animación con Igualarte, Con Eles e Tchyminigagua. Pola tarde na Praza de Galicia ás 19:30 horas 7 bubbles porá en escea “Burbulla” e a xornada rematará co “Sueño encantandos” de Tchyminigagua ás nove na Praza da Segunda República. 


O mércores 21 arranca cunha proposta no apartado social do festival con Criz Collazo e a súa “Pepa a Loba” no Miguel Hernández ás 11. Ás sete e media Muu trae Crunch 2 á Praza de Galicia e ás nove na da Segunda República estará o Circ Colokolo co seu Chouf Le Ciel (estrea en Galicia). O Festaclown segue o xoves 22 con Olga Abad a partir das 11 coa súa Nena Lentella no Miguel Hernández. Pola tarde o Cirkompacto amenizará a Praza de Galicia ás sete e media e ás nove na explanada do Auditorio será a quenda de Ameba teatre e o seu “Cataplum!”, por primeira vez en Galicia. 

 

O venres 23 arranca cos Somos Olímpic@s con Con Eles e Clámide no apartado social ás once na Praza de Galicia. O mesmo escenario para Zirko Txosko con “Tavole” ás sete e media e ás nove está “Mute” con Orain Bi na Segunda República. O sábado 24 empeza con Cris de Caldas cos seus “Contos en Lila” na Praza de Galicia ás once e Mai Clown collerá o relevo con Alone ás sete e media. O Festaclow remata co ilusionista Miguel de Lucas ás nove na Praza da Segunda República.

 

A maiores todos os días ás 12:30 na Praza de Ravella serán os Superroquiños.


“Referencia consolidada”

Alberto Varela sinalou que o Festaclown xa é unha “referencia consolidada” e que é unha tradición como é o Combate Naval. Destacou ademais a súa vertente social e o seu compromiso cos máis desfavorecidos.


O conselleiro de Cultura tamén indicou que a proposta recolle moi ben a “filosofía neste ámbito que queremos trasladar dende a Xunta” e aplaudeu a proposta que leva dez anos triunfando en Vilagarcía.

O Festaclown aterrizará en Vilagarcía con catro estreas absolutas. Estes son os horarios e as datas das exhibicións

Te puede interesar