A situación de “emerxencia lingüística” denunciada hai uns días pola Mesa pola Normalización Lingüística respecto da caída no uso do galego nos últimos cinco anos na comunidade autónoma exemplifícase moi ben nas comarcas da Ría de Arousa. Os datos da enquisa estrutural de fogares sobre o uso da lingua propia nas dúas bandas da Ría mostran unha caída dun 6% de falantes nas comarcas do Salnés e de Ulla-Umia, mentres que na área do Barbanza (que analizan xunto con Noia) o descenso de persoas que se comunican habitualmente en galego é dun 14 %. O estudo do IGE non se para nesta ocasión –como si o ten feito en edicións anteriores– no análise pormenorizado por concellos, senón que só aborda a situación nas grandes áreas.
En todo caso, e pese á tendencia á baixa do uso do idioma galego a Ría de Arousa ofrece de momento datos máis positivos que o conxunto de Galicia, donde xa hai máis xente que fala en castelán máis que en galego por primeira vez na historia. Non ocorre o mesmo en O Salnés e Ulla-Umia donde un 57,62% dos enquisados recoñecen usar o galego sempre que falan fronte ao 42,38% que o fan en castelán. O idioma resiste, pero menos que no 2018. Naquel entonces era un 63,40% os falantes en galego fronte a un 36,60 en castelán.
No Barbanza a evolución é moi semellante. O 74,8% dos enquisados recoñece que usa o galego sempre ou máis que o castelán, fronte ao 25,20% que opta pola lingua española para comunicarse. Unha diferencia menos evidente que hai cinco anos cando o 88,85% recoñecían na marxe norte da Ría de Arousa que o galego era a súa lingua vehicular a maior parte do tempo.
A enquisa estrutural elaborada polo Instituto Galego de Estatística aborda outros datos que ofrecen unha radiografía da situación do idioma en diferentes puntos do territorio.
O 9,87% da poboación do Salnés e Ulla-Umia admiten non saber falar o galego (no 2018 era o 5,69%). No Barbanza a cifra é similar, dado que recoñecen o descoñecemento absoluto da lingua un 9,79% dos enquisados fronte ao 2,52% de hai cinco anos.
Pese a que estudar galego é obrigatorio na ensinanza hai unha caída sustancial daquelas persoas que saben utilizalo na escrita. Só o 25,16% dos enquisados no Salnés e Ulla–Umia recoñecen que o escriben moito fronte a un 14,20 que din que nada e un 17,8 que “pouco”. Cifras máis baixas en todo caso que as de hai cinco anos. No caso da marxe norte da Ría as cifras son un pouco máis optimistas. O 34,83% sinalan que escriben moito en galego fronte a un 5,15% que indican que nada. Iso si, un 31,61% admiten que pouco. Iso si, o nivel de entendemento case non se ve modificado e practicamente o 98% da poboación arousá non ten problema con iso.