A IA galega tamén terá voces de Vilagarcía

A IA galega tamén terá voces de Vilagarcía
Stand do proxecto Nós en Culturgal I XUNTA

O Concello de Vilagarcía será un dos 16 municipios de Galicia que participará nunha singular campaña de "doazón de voz", promovida pola secretaría xeral da Língua de Xunta de Galicia, no marco co Proxecto Nós e coa colaboración do concello vilagarcián, e que ten por obxectivo poder adestrar aos algoritmos que están detrás de moitas ferramentas dixitais.

 

Segundo explican os responsables do proxecto, grazas a ese traballo de recollida lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan "entender" e "falar" a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico. Por exemplo, cando se lle dá unha orde ao GPS do coche, ou se fala cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, ou se quere traducir un documento, mesmo cando se lle dita a un procesador de texto, ou pedimos unha cita no banco ou no médico... o dispositivo recoñecerá que se lle está falando en galego e así proseguirá o seu "diálogo" co usuario.

 

Precisamente para "adestrar" á Intelixencia Artificial e lograr eses obxectivos, é preciso contar cun banco de voces en galego. E iso é co que se vai levar adiante o vindeiro 12 de novembro, martes, na aula CEMIT de Matosinhos, con horarios de 10:00 a 14:00 horas, pola mañá, e de 16:00 a 20:00, pola tarde. Todas as persoas que participen recibirán un libro e unha libreta como agasallo. Tanto o alcalde, Alberto Varela, como a concelleira de Cultura, Sonia Outón, responsable tamén do Servizo de Normalización Lingüística, fan un chamamento á participación da cidadanía, por canto significa de apoio e protección dun dos nosos principais patrimonios, a lingua, pero tamén de proxección cara o futuro, coa súa aplicación das novas tecnoloxías. O propio alcalde ten comprometida a súa presenza como un doante máis.
 

O procedemento de recollida é moi simple: calquera persoa, non importa a idade (os menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a), terá que ler unhas breves frases en galego (en bloques de 5) que sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak. Esas voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós.

 

O Proxecto Nós

O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.

 

Para adestrar ao algoritmo, é preciso recoller gran cantidade de palabras escritas, pero tamén en audio, que ten unha complexidade engadida: as variedades dialectais da comunidade, que os dispositivos electrónicos deberán de recoñecer tamén. De aí que na actual fase se teñan escollido distintos concellos, ata 16, representativos desa riqueza dialectal: Xinzo de Limia, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía e A Fonsagrada. Ademais de presencialmente, os interesados poden doar a súa voz de xeito telemática, a través da web https://doagalego.nos.gal).
 

A IA galega tamén terá voces de Vilagarcía

Te puede interesar