Oswaldo Digón é dos Ancares, pero ten en Arousa a súa segunda casa polo que actuar en Rubiáns é, para el, unha oportunidade de achegarse aos veciños deste lugar. Mañá a partir das oito e media da tarde estará no centro social de Rubiáns e aínda hai entrada para aqueles que non a conseguiran. Ten un custe de 10 euros para os membros da Asociación de Veciños y de 12 para os que non o son.
O teu é actuar tanto en escenarios grandes como noutros máis pequenos. Aquí valo facer nun centro social. Gústache ese contacto directo co público?
Si, moito. A min paréceme unha pasada a xente que aparte de ter os seus traballos e as súas obrigacións persoais dedique tempo e esforzo a asociacións para facer cousas. Vir a sitios como Rubiáns sempre é un pracer. Aparte eu, que aínda que son dos Ancares, teño moitos vínculos con Arousa.
Dirías que o teu humor é para todos os públicos?
Si, absolutamente. Vale, os cativos igual pasan de min porque son moito máis intelixentes, pero para un público xeral... o meu “target”, como se di agora, é moi amplo.
Nos teus inicios facías contos para nenos. É máis complicado facelos rir?
Os cativos teñen unha sinceridade máis absoluta e, polo tanto, é moito máis difícil chamar a súa atención. Eu como contacontos aprendín moitísimo deles. De feito defínome como contador de historias con inspiracións de Carlos Blanco, Cadaval...
E esas historias veñen froito da inspiración ou vanse creando pouco a pouco?
Eu vexo toda a realidade que me rodea dende o punto de vista da comedia. Todo o vexo fíltroo por ese lado. Por iso os meus referentes para facer humor son historias cotiás, a miña familia, os meus amigos e o meu entorno. De feito procuro ten o maior número de experiencias posibles para poder así contar máis cousas. Ao fin e ao cabo todos somos contadores de historias e temos algo que contar. Cos tempos que corren a risa non é fácil e por iso hai que valorala máis. Hai que tomar as cousas con máis comedia e menos polarización.
Ten o humor galego unhas características específicas?
Os galegos temos a mellor forma do mundo para afrontar o día a día. Somos xente honesta e esa é o mellor modo de facer historias. Esa retranca fainos ver as cousas doutro xeito e temos unha lingua que, cunha palabra, podes describir mil cousas. Un “bueno carallo bueno” só se entende aquí.
E esas historias veñen froito da inspiración ou vanse creando pouco a pouco?
O humor é sorprender ao cerebro. Facer que este diga: “quen contaba con isto?” Baséase na sorpresa da historia e en sorprender a quen lla contes.