Os fieis a todas as edicións do Revenidas xa están contando os días para a próxima cita en Vilaxoán. O festival das linguas e da identidade despediuse cunha nova xornada multitudinaria na que o recinto se abreu á xente para disfrute de veciños e daqueles que o son só por unhas horas. O festival devolveu así ao pobo actividades de balde polas molestias ocasionadas tanto durante o tempo de montaxe como da propia celebración.
De novo o parque de Dona Concha converteuse no epicentro da diversión. Centos de persoas ocuparon as mesas que a organización colocou coidadosamente para crear unha auténtica romaría popular, moi ben acompañada polo tempo e polo ánimo de todos os que querían facer da última xornada de Revenidas outra data de récord. As ascuas xa levaban horas preparándose porque –como non podía se doutro xeito– son as sardiñas “revenidas” o principal reclamo gastronómico desta cita popular. A organización reparteu miles de racións –tamén de empanada– e dende a unha da tarde a diversión non parou nin un minuto no recinto.
Primeiro foi Uxía Lambona e a súa Banda Molona a encargada de facer gozar aos máis pequenos da casa. Sobre todo a aqueles que a seguen por todos os escenarios que pisa. Nas mesas –ou incluso de forma improvisada no chan– circulaban as sardiñas, as tortillas e diferentes manxares nun picnic xigante que foi amenizado pola música dos Terribles de Arousa.
Familias enteiras, amigos, compañeiros... todos tiveron cabida nas Revenidas. Foi ao fío das tres e media da tarde cando empezou a tocar Mekánica, dándolle ritmo a unha sobremesa na que a enerxía de días pasados nos concertos de pago non decaeu. O espectáculo do circo –xa todo un clásico na cita vilaxoanesa–e os concertos no recinto e tamén a bordo do Chasula puxeron o punto final a unha edición de luxo e na que miles de personas colocaron a Vilaxoán no mapa cultural e musical.
Atrás quedan catro días intensos nos que non faltaron de nada, con concertos de despedida, pogos multitudinarios e imaxes para a historia de Revenidas.