O IES Armando Cotarelo Valledor deseñou un amplio programa de actividades que, baixo o título ‘Os meses da revolución’ reivindica as mobilizacións que, ao longo da historia, conseguiron melloras para as clases populares, ampliar os dereitos ou, directamente, acabar cunha ditadura. É neste último caso no que encadra a Revolución dos Cravos, que en Portugal derrocou o réxime de Salazar e que se caracterizou pola toma das rúas de forma pacífica e incluso festiva. Precisamente para conmemorar esta data, os estudantes e docentes teñen preparado unha ‘Toma artística’ dos Xardíns de Dona Concha e na Rúa Avelina Nogueira.
Reparto de cravos aos viandantes, escrita de mensaxes reivindicativos en xiz (para non danar o mobiliario nin o chan) ou unha foliada popular a cargo da agrupación Armando Festa, formado por profesores e estudantes. Non faltará a interpretación do Grándola vila morena e Motivés, un tema que, desde hai décadas, converteuse en todo un himno das mobilizacións en Francia.
Os actos do 25 de abril son só unha parte dun programa que se levará a cabo ata maio e que inclúe exposicións sobre lemas e figuras que loitaron polos dereitos humanos, concursos e relatorios como o de Carlos Callón (12 de maio) ou o de Encarna Otero (24 de abril). Actividades centradas no Maio do 68, a Revolución dos Cravos ou a galega, que deu lugar ao símbolo dos Mártires de Carral.Os departamentos de Galego, Francés e Artes Plásticas organizan un programa que reivindican as loitas da sociedade civil para “vivir en liberdade e cos dereitos fundamentais”, ante unha actualidade no que “están ameazados” polo que defenden que o “ensino debe actuar”.