Reportaxe | Viaxe aos tesouros galegos

Reportaxe | Viaxe aos tesouros galegos
Diario de Arousa-9999-99-99-999-fe27afff

A defensa e a recuperación dos tesouros que se agochan en cada recuncho de Galicia, así como a súa promoción entre as novas xeracións, foron os dous eixos sobre os que xirou a visita dun total de 150 rapaces de diferentes municipios (Vilagarcía, Ribeira, Vigo e Bueu) ao corazón das Illas Cíes. Os rapaces participaron nesta actividade de dinamización lingüística e medioambiental no marco das accións de promoción da candidatura Cíes-Illas Atlánticas (entre ellas a de Cortegada) para ser Patrimonio da Unesco.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e da área de Política Lingüística, escolleu a conmemoración do Día do Libro para levar aos rapaces ata as Cíes que, acompañados dos Bolechas, viviron unha xornada de diversión única. Os nenos recibiron das mans dos personaxes ideados por Pepe Carreiro unha guía  que inclúe actividades para traballar sobre as illas e tamén pictogramas para facer a información máis accesible.
Orgullo do noso 
Dende a Consellería de Cultura queren que a nova guía dos Bolechas sirva para implicar a “todo o conxunto da sociedade, pero moi especialmente ás novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados”. Refírense dende a Xunta á “paisaxe, ao medio natural, á arquitectura, ás festas ou á propia lingua”. Na mesma liña o goberno galego tamén espera que a candidatura de Illas Cíes-Illas Atlánticas para ser Patrimonio da Unesco sirva para que a sociedade galega comparta co resto do mundo un tesouro moi destacado.
Levando a escolares de toda Galicia a coñecer de primeira man a riqueza das Cíes e dándolles elementos de aprendizaxe, dende a Xunta de Galicia buscan tamén fomentar o querer dos máis pequenos polos recursos e polo patrimonio propio.
A aventura do novo libro dos Bolechas arranca no porto de Vigo, lugar donde os irmáns embarcan xunto coa súa mestra Clara e os compañeiros e compañeiras de escola para irse de excursión ás Cíes. Falta Tatá, que queda cos pais porque aínda é moi pequeno, e Chispa, porque no Parque Natural das Illas Atlánticas só poden entrar os cans guías. Tras a viaxe en barco desembarcan na illa de Monteagudo e diríxense ao Faro. Polo camiño van debuxando os animais e as plantas que ven e buscando a un príncipe encantando. O libro, que inclúe pictogramas para facilitar a lectura da cativada con máis dificultades ou de menor idade, remata cunha pequena unidade didáctica destinada a fixar o aprendido e unha serie de recomendacións para andar polo parque.
De feito os rapaces que o Día do Libro viaxaron a Cíes nesta experiencia diferente e medioambiental, puideron coñecer de primeira man as aventuras dos irmáns Bolechas e tamén participar en diferentes actividades de coñecemento e formación medioambiental e patrimonial.
A viaxe tamén serviu para celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural que a Xunta dedica precisamente este mes de abril ás illas Cíes.l

Reportaxe | Viaxe aos tesouros galegos

Te puede interesar