Francisco Caamaño | “Usar a mascarilla pode facernos esquecer o principal: A distancia. Pode fastidiar máis que axudar”

Francisco Caamaño | “Usar a mascarilla pode facernos esquecer o principal: A distancia. Pode fastidiar máis que axudar”
O epidemiólogo e profesor da USC, Francisco Caamaño Isorna | cedida

Francisco Caamaño Isorna é epidemiólogo e profesor titular de Medicina Preventiva da USC e nestes días nos que tanto se fala das medidas de prevención, e como a fórmula máxica non existe, ten moi clara a mensaxe fundamental: “lavado sistemático de mans, procurar non tocar, coma se fósemos nenos, e distancia, distancia e distancia”.

As autoridades chinesas reprenderon a Europa por non xeralizar o uso das mascarillas. O debate sobre o seu uso obrigado está enriba da mesa. A cidadanía pregúntase: O seu uso continuado debe ser unha obriga ou unha recomendación por parte da administración?

O virus transmítese por gotas que saltan da nosa boca cando falamos e non alcanzan máis de dous metros, entón se se mantén esa distancia a mascarilla non axuda para nada e que se obrigue por sistema... Probablemente non sexa o máis intelixente porque pode ser un obxecto que máis que axudar, fastidie. Dirás, nunca pode ser malo, pero moita xente pode acabar cunha falsa percepción de seguridade e esquecerse do principal: distancia, distancia e distancia, ou que ande tocándoa continuamente. Pero se che fai recordar que debes separarte, pode axudar. A cuestión ten matices. Pero insisto a mensaxe é clara: lavado sistemático de mans, distancia e procurar non tocar, coma se fósemos nenos pequenos. Pasa coas luvas; é aberrante, non axuda para nada. O virus non entra na nosa pel e perdemos a sensación de que temos as mans sucias e son máis difíciles de limpar que a nosa pel. Agora, se non podes manter a distancia, se subo a un autobús, estou nunha habitación pechada ou nun mercado onde non hai moito espazo... Entón, póñoa. Esixir o seu uso en circunstancias deste tipo pode ter a súa lóxica. Xa o facemos nas piscinas coa obriga de levar gorro. E para a poboación xeral a indicada sempre é a quirúrxica ou a hixiénica; é aberrante gastar cartos en FFP 2 ou 3 en lugar de destinalos a outros recursos máis necesarios agora. Estas son para inmunodeprimidos, médicos nun contexto hospitalario no que se producen aerosois e o virus pode quedar suspendido no aire durante unhas horas, nun sitio contaminado, porque están pensadas para filtrar de fóra para adentro, pero non ao revés, co cal, se estou en condicións de transmitir a enfermidade, estou exhalando as miñas gotas, vou contaminar.

 

Sendo moi gráficos, tanto escupimos ao falar?

Normalmente considérase que o risco está nunha distancia menor a dous metros durante máis de 10 minutos, suponse que hai unha conversación fluida e é fácil que salte algunha gota ou que te toquen e a gota pode estar na man desa persoa. Só con dicir hola, resulta improbable. Ás veces, ao falar non percibimos esas gotas porque non son evidentes, pero poden existir.

Tamén existen moitas dúbidas sobre a vida útil das mascarillas. Como podemos saber se as empregamos axeitadamente?

Ás veces vénse unhas cousas por aí... A xente suxéitaa mal, báixaa... A ver, as quirúrxicas non deberían empregarse máis de catro-seis horas, pero logo a xente acaba tocándoas por todos os lados; as hai lavables... Non me atrevería a darche datos concretos, pero o Ministerio de Sanidade ten unhas normas de rangos de tempo recomendados.

Recoméndase empregalas incluso agora que se poden xuntar ata dez persoas nun domicilio, iso ou manter a distancia de seguridade. Non cumprir algunha destas medidas pode ser determinante para que rebroten os contaxios?

Hai varias cuestións. A estratexia fundamental, insisto, é distancia, distancia e distancia, dito isto, como actuar cando recibimos na casa? Usar a mascarilla sería o ideal pero non sei se é realista porque haberá outros contactos: sentarémonos a comer, xuntos nun espazo reducido... Tampouco parece posible manter a distancia de dous metros, así que a lóxica a empregar aquí será outra: recibir sempre á mesma xente, o meu círculo íntimo e ao menor número posible de persoas. Non podemos levar cada día a alguén diferente a casa. Con esas persoas atópome na rúa e facemos un corrillo ou sentámonos nunha mesa sempre con distancias. Sería a miña recomendación e a interpretación que fago da norma, hai que vela con sensatez.

Pero hai un risco real de que haxa un rebrote?

Estamos nun momento complicado, pasamos da multa á responsabilidade individual e se non hai, por suposto que existe un risco de contaxio e como nos abandonemos pódese disparar. Como epidemiólogo, as visitas a casa preocúpanme especialmnente porque na rúa sentímonos observados e a presión social obríganos a manter determinadas formas, pero na casa ninguén nos controla. É complicado e quizáis esa medida poderíase repensar, pero a ver como a xestiona a poboación e o resultado que dá. De todos modos, non existe un manual perfecto e non pasa nada porque deamos marcha atrás se algo non funciona; se suben os contaxios e temos que cambiar a lóxica. Non nos debe asustar esa idea.

Hai moita preocupación sobre os obxectos infectados e agora máis que ademais dos supermercados tamén abren tendas e bares. Ata que punto é perigoso contaxiarse por tocar superficies?

Dependendo da superficie o virus pode vivir tres ou catro días, pero volvemos á lóxica habitual: toquemos o menos posible, sobre todo o mobiliario urbano. Pero por ir ao supermercado e tocar uns botes e logo me boto hidroxel, e tamén antes de entrar, non me parece moi problable. O hidroxel e o lavado de mans deben estar omnipresentes. O risco cero non existe, pero agora son cuestións moi relevantes. .

 

A este respecto, hai estudios fiables sobre o tempo que o virus permanece activo en materiais habituais de productos cotidianos como pode ser un cartón da leite, a nosa roupa ou o envoltorio dunhas gallegas ou mesmo o plástico dunhas gafas de sol? De canto tempo estamos falando?

Podemos falar de días ou horas, hai datos publicados, pero non creo que axude á poboación xeral coñecer estes datos. Hai que tocar o menos posible, pero sen obsesionarse. Se recibo na casa unha caixa de cartón e me preocupa especialmente podo rocialo cunha solución desinfectante ou sacar o obxecto e logo lavarme as mans.

Cales considera que son as medidas prudentes que debemos adoptar cando chegamos a casa despois de saír a rúa?

Lavar as mans sistemáticamente e pouco máis, tampouco me debo obsesionar. As suelas dos zapatos... A ver podo deixalos apartados. Se vou traballar nunha oficina si pode ser intelixente empregar unha bata que logo lavo a 60 ou 90 grados e así protexo a miña roupa, sería interesante recuperar esa idea como pasaba hai anos en determinados empregos.

Entón é recomendable lavar a nosa vestimenta?

A ver, depende moito do tipo de texido, non é o mesmo o nailon que o algodón... E non podemos esquecer que estamos ante un virus que en Galicia ten unha circulación comunitaria relativamente limitada entón a probabilidade de contaxiarse pola roupa é limitada, non nos debemos obsesionar. O virus non penetra no corpo a través da pel, só a través da boca, o nariz e os ollos e por iso o máis importante é lavarse as mans sistemáticamente porque tendemos a levalas á cara. l

Francisco Caamaño | “Usar a mascarilla pode facernos esquecer o principal: A distancia. Pode fastidiar máis que axudar”

Te puede interesar