A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asistiu onte no Club Náutico de San Vicente á presentación oficial da cartilla náutica da Traslatio Xacobea. No acto, que contou coa presenza do presidente do Club, do presidente de Portos de Galicia, dos alcaldes do Grove e Padrón, así como do presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, ademais dos alcaldes dos concellos da Ruta marítimo-fluvial, explicáronse os requisitos para obter este documento acreditativo. O recoñecemento de realización do Camiño Xacobeo marítimo-fluvial farase mediante a entrega da Traslatio Xacobea por parte da Fundación Xacobea e do Concello de Padrón aos tripulantes e á embarcación que cumpra cos requisitos de selado da cartilla náutica expedida polo Club Náutico San Vicente do Grove. O punto de partida situarase nos portos de Pedras Negras e mais no de Riveira, por ser os portos de entrada á bocana da Ría de Arousa. O navegante deberá obter cando menos dous selos máis en dous portos dos Concellos situados nas marxes do percorrido. Ademais, aqueles peregrinos que o desexen poderán culminar a ruta ata Compostela onde poden obter un novo selo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla e o único itinerario marítimo-fluvial dos Camiños de Santiago en Galicia e exaltou a súa singularidade por ser o único vía-crucis marítimo-fluvial que existe. Do mesmo xeito, resaltou a importancia de apoiar iniciativas que contribúan á preservación do patrimonio material e inmaterial dos Camiños de Santiago e manteñan viva “a esencia do espírito Xacobeo”.
Do mesmo xeito, Nava Castro indicou que a través do percorrido pola Ruta, o turista ou viaxeiro, o peregrino ou navegante, pode descubrir algúns dos tesouros que compoñen os recursos máis importantes de Galicia como destino. “As illas; as impresionantes praias e calas, e peculiares mostras de arquitectura relixiosa supoñen todo un abano de posibilidades para coñecer a auténtica esencia de Galicia”, comentou. A vida mariñeira das vilas da ría, así como os restos megalíticos que atesoura ou as igrexas e pazos, algúns dos conxuntos turísticos máis coñecidos e unha das ofertas termais estrela da nosa Comunidade son outros dos recursos da zona que destacou a directora de Turismo. Ademais, incidiu nos exquisitos caldos e na gastronomía mariñeira, xunto cos importantes recursos vinculados aos xacementos arqueolóxicos e tamén con patrimonio histórico-artístico de gran valor.