Reportaxe | Premio aos mellores traballos audiovisuais para fomentar o uso do galego

Reportaxe | Premio aos mellores traballos audiovisuais para fomentar o uso do galego
O alumnado gañador do certame recolleu os seus premios nun acto celebrado onte no Museo do Mar de Galicia, en Vigo |

Unha grande calidade técnica e tamén lingüística. Estas foron algunhas das cuestións que se tiveron en conta no certame Vindevídeos para recoñecer aos mellores traballos presentados por escolares de toda Galicia. Os catro centros que foron premiados, entre eles o IES Francisco Asorey de Cambados, recolleron o seu premio onte nun acto celebrado no Museo do Mar de Vigo ao que asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e tamén o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.
García destacou na entrega de galardóns a “importante participación e a alta calidade, tanto técnica como lingüística, dos traballos gañadores” o que, segundo el, “evidencia que o audiovisual é unha ferramenta moi atractiva e moi eficaz á hora de poñer en marcha iniciativas coas que promover e dinamizar o uso do galego no eido educativo”.
O propio secretario xeral agradeceu aos gañadores o feito de ter contribuído ao fomento da lingua galega “cuns traballos e cunha creatividade que de seguro serían a fachenda de Martín Códax”.
 

Moita creatividade
Cabe recordar que o certame de dinamización lingüística Vindevídeos estableceu dúas categorías de premios. Na de centros de infantil e primaria fíxose co primeiro premio o CEIP O Carballal, de Marín, polo seu traballo “Fals´e traedor”; o segundo foi para o CEIP Ortigueira, de Vedra, polo vídeo “Galicia: referente da cultura medieval”.
Na categoría de educación secundaria e ensinanzas especiais outorgóuselle o primeiro posto ao IES Asorey de Cambados por “Cantigueando”, mentres o segundo foi para o CMUS de Xan Viaño, de Ferrol, pola proposta “O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel”.
Os catro traballos impuxéronse sobre os 58 que, en total, se presentaron a este certame. As pezas gañadoras poden verse no portal da lingua galega www.lingua.gal e tamén na web Cultura de Galicia www.cultura.gal.
Tal e como estaba previsto nas bases os catro centros recibiron cadansúa cámara de vídeo e foto, facsímiles do Pergamiño Vindel da autoría de Manuel Moleiro, visitas á mostra “O Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas” e á Illa de San Simón.

Pergamiño Vindel
Cabe recordar que a Consellería de Cultura e Educación, así como a Universidade de Vigo, promoven a mostra do Pergamiño Vindel, chegado a Galicia dende a Morgan Library de Nova York. Trátase dunha xoia lírica medieval galego-portuguesa, berce da lingua e da cultura galegas. A mostra, e así se recordou no acto celebrado onte en Vigo, pode visitarse ata este mesmo domingo día 4 no Museo do Mar de Galicia, na cidade olívica.

Reportaxe | Premio aos mellores traballos audiovisuais para fomentar o uso do galego

Te puede interesar