Vanse a cumprir catro meses da toma de posesión do goberno socialista; pouco tempo en relación aos catro anos de mandato, pero máis que suficiente para demostrar que xa cambiaron moitas cousas no Concello de Vilagarcía.
Evidentemente, mudaron as políticas e os principios sobre as que estas se asentan. As políticas sociais son para este goberno un asunto prioritario. Neste tempo temos dado varios pasos neste sentido: Puxemos en marcha o comedor escolar de verán; dotamos de máis persoal aos Servizos Sociais para axilizar e mellorar a atención aos usuarios; deseñamos unha revisión de taxas que permitirá un reparto máis xusto e equitativo da carga fiscal, de xeito que cada veciño contribúa en función das dúas posibilidades, en lugar de castigar máis aos que menos teñen, como estaba acontecendo.
Este goberno pensa antes que nada nos vilagarciáns, aos que nos debemos, pero non nos cruzamos de brazos ante a desgraza doutros. A solidariedade é outro dos nosos principios, por iso declarámonos Cidade de Acollida e ofrecemos os medios e recursos dispoñibles para aliviar a crise humanitaria do pobo Sirio.
O emprego é un reto esencial para mellorar a situación da economía local e dos vilagaciáns. Aínda que as competencias dos concellos nesta materia son moi limitadas, adoptaremos todas as medidas que esetan na nosa man para fomentar a creación de postos de traballo e loitar contra a precariedade laboral. A primeira, xa en marcha, é a introdución de cláusulas sociais nos pregos de obras e servizos a contratar polo Concello, condicións que puntuarán nos procesos de adxudicación ás empresas.
Outro cambio destacable é a importancia que este goberno lle da ao coidado do medio ambiente. Estamos a piques de poñer en marcha un plan de compostaxe; ordenamos a inclusión no novo PXOM dun Plan de Ordenación do Litoral; pretendemos acabar cos verquidos, para o cal xa fixemos melloras en bombeos do saneamento e presionaremos á Xunta para que cumpra os seus compromisos con Vilagarcía. Ademais, daremos a Cortegada o protagonismo que se merece este noso cachiño do Parque Nacional.
En materia de conservación do patrimonio, impedimos a descatalogación da Casa Becerra, e demos un ultimato á propiedade do edificio en estado ruinoso do Castro. E no que a Deportes se refire, apostamos polo deporte para todos e todos os deportes.
Estes cambios no fondo viñeron acompañados do necesario cambio nas formas. Os vilagarciáns demandaban ao goberno outro xeito de relacionarse con eles, unha relación baseada no respecto, na accesibilidade, na proximidade, no diálogo. Algo que suponse, tiña que vir de serie, pero que aquí se deixara de lado. Algo que nós recuperamos e que manteremos ata o final.
O mesmo aconteceu coa relación cos traballadores municipais ou con colectivos como Zona Aberta, ao que acompañamos á Xunta para amosar a unidade na oposición á implantación dun centro comercial en Megasa.
Non menos importante foi o cambio na forma de xestionar. Unha administración eficaz e eficiente ten que ser áxil, tanto na toma de decisións como na tramitación. Mostras deste cambio vímolas no desbloqueo de proxectos e obras paralizados durante anos (revisión do PXOM), ou moitos meses (campo de fútbol de Bamio, remate da reforma da Praza de España, Humanización de Vista Alegre, Proxectos da Reforma da Praza de Abastos e de melloras na da Verdura...). Por non dicir, o tempo récord co que tivemos que organizar as Festas de San Roque partindo de cero.
Fíxose moito en 120 días, pero somos conscientes de que quédanos moitísimo máis por facer. Xa estamos traballando niso. Capacidade, ilusión e gañas non nos faltan e esperamos contar coa axuda de todos.
*Alcalde de Vilagarcía de Arousa