Non hai dereito a que nos rouben a esperanza. E a que poidan facelo a traizón e con aleivosía. Atravesamos xa demasiados medos e excesivos dramas, e con mortes cuasi anónimas que houbo que despedir case en secreto. Non temos porque aturar a personaxes que pola mera razón de ser máis ou menos famosas, cunha relevancia pública de distinta gradación, aproveiten calquera micrófono para negar o que vemos e sufrimos.
E tampouco andamos necesitados de teorías da conspiración, inventadas por figurantes de a saber que afectacións. Non hai alienación dos poderes públicos para controlar as sociedades, nin se puxeron de acordo os gobernos de todo o mundo para facelo ao mesmo tempo. A última en sumarse a esa moda de cuestionar á ciencia e á realidade, foi Victoria Abril. Aproveitando un acto de recollida dun premio do que nin falou, e como se fora abducida por algún tipo de mal, arremeteu contra todo e con urxencia. Ten dereito a opinar como queira, pero non a confundir o marco e facer desmerecer unha celebración que ía de outra cousa. E moito menos a outorgarse un papel de opinadora e divulgadora dunha pseudociencia na que ela milita, pero chea de ideas que, non só non temos porque compartir, senón que cada un temos as nosas, e non se nos ocorre tirarllas á cabeza. Hai xente que confunde o destacar en algo con saber de todo, e pensa que alguén lle outorgou o dereito a roubarnos a esperanza de que agora, finalmente, xa todo vai ir mellor. Ogallá non precise de coidados, nin de servizos, Hospitais, nin vacinas. Que sempre viva feliz. Odio ter que repetir aquilo de non te queixes, xa estabas máis que avisada.
Pertencerte é unha forma emocionada de vivirte –dixo El– de arrincar das palabras os valores máis íntimos e levantar arcos novos, sobre os restos fumegantes das ruínas...