Mentres unhas andan encerelladas en campañas electorais interminables e con resultados incertos, os montes de Galicia florecen como sempre floreceron por este tempo de primavera. Aos toxos dá xenio velos, amarelos e fermosos, tanto os arnais como os gateños ou os toxos femia. As chorimas esténdense polas beiras dos camiños, polas marxes dos carreiros e polos montes de arriba a abaixo, por onde andan as abellas, as reinas e as obreiras, buscando aquel tipo de toxo e toxeira en flor, cada un na súa época.
A flor do toxo fai mel saboroso e, tomada en infusión, seica é remedio para as doenzas do fígado. O señor Modesto da Piorneda rozaba os toxos para o estrume e apañaba, e gardaba como ouro en pano, unha cesta de flores para coidar da saúde dos seus e das vacas súas. E, a raíz? A raíz do toxo verde / é moi mala de arrincare / e os amoriños primeiros, / son moi malos de olvidare, como tantas veces cantou A Roda. Paralelismo parcial entre o amor e a toxeira, coas súas enormes diferencias entre a tenrura e a multitude de espiñas grosas e delgadas, que poden cravarse na barriga, no peito ou na cara.
O toxo é un arbusto do que saen flores e pugas aguzadas, apropiado para un roto e para un descosido, válido para facerlles o leito aos animais da casa e/ou para escorrentar a bicharada, para que saian tódolos bichos correndo e non volvan.
Tamén serven para alimentar ao cabalo, para marcar o carácter de calquera, para que moitos queiran ser e sexan como toxos. Aínda así, o poeta mindoniense, Antonio Noriega Varela, aloumiñaba cos seus versos a esta planta e ás súas flores marelas: As floriñas dos toxos / Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos! / Eu venero as floriñas dos toxos.
Así é, os amantes da natureza, de calquera profesión e procedencia, son protectores dos toxos. E, Galicia é o país onde hai máis, é o lugar onde o monte, coas súas mil cores, dobrega as espiñas, amoléceas e fainas servir. Dio moi ben a Tía Manuela, “temos un país de toxos e flores, en convivencia con xestas e carrachas”.
Temos un lugar de convivencia espléndida e debemos procurar manter a harmonía entre o noso patrimonio e o noso ser, para que os outros nos comprendan, se queren.
Para que nos entendan e para entendernos entre todos, precisamente nestes tempos, nos que hai que conxugar a dozura do mel de uz e de toxo con milleiros de amarguras, propias e foráneas.