Revisar, acusar e propoñer a touro pasado é un exercicio tramposo. Ante situacións de alarmas e perigo da vida, nun momento onde o mundo enteiro descoñecía o alcance e a intensidade da pandemia, o que debera prevalecer é afrontar a ameaza e protexer á sociedade. As medidas aplicadas no mundo, foron similares. As elucubracións teóricas e doutrinais entre cuestións como limitar e/ou suspender dereitos, entran nun limbo xurídico de difícil acordo; tal e como evidencia o feito de que 6 xuíces apoian unha cousa e 5 outra diferente. As limitacións estaban claramente derivadas dunha situación extraordinaria e polo tanto, atendendo á Lei Orgánica que regula os Estados de Alarma, Excepción e Sitio, as medidas contempladas son de aplicación e teñen encaixe no recollido no seu articulado. É inevitable caer na suspicacia de pensar que pode haber unha intencionalidade política nesta sentenza; máxime cando hai unha negativa insolente e insistente do PP, para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial e outros Órganos de arbitrio e control. Podemos supoñer que no caso de que as medidas aplicadas foran contra dereito, habería mecanismos suficientes para actuar e paralizar a súa posta en práctica. Pero contra o vicio de pedir está a virtude de non dar. Nas persistentes e sufridas hemerotecas do 2020, quedan as denuncias de PP, Vox e Cidadáns apoiando o Estado de Alarma, pero criticando que o Goberno non as tomara antes, incluso con cualificacións incendiarias como a de graves neglixencias. Son admisibles e recomendables as aportacións ad futurum, para preparar en mellores condicións situacións que poden darse novamente, pero entender que houbera sido lexítimo aplicar o Estado de Excepción, non implica que non fora constitucional aplicar o de Alarma.
Sentirte é unha lámina fráxil de memoria –dixo El– un murmurio silencioso dese tempo onde repousa a luz. Sentirte ten a eternidade concentrada da tenrura...