A fortaleza de Simone Biles

Antes destes Xogos Olímpicos todo apuntaba a que Simone Biles sería a gran protagonista, e os cálculos estaban en cantas medallas levaría. A realidade é que, pase o que pase, estes xa son os Xogos que gañou Simone Biles.


Probablemente sexa necesario explicar a persoas con boa vontade que, aínda que nin tiña un pé roto nin enfermou por COVID, tampouco podía competir. Posiblemente esta sexa a primeira barreira, a que debe explicar que os impedimentos poden ser físicos pero tamén mentais, aínda que non se poidan ver, tocar e comprobar por televisión. Efectivamente costa entendelo, incluso para quen non teñen ningunha perspectiva negativa sobre elo, pero amosan a realidade da minusvaloración (ou ocultación) que historicamente existe sobre a saúde mental.


Unha segunda barreira está na necesidade de non crear excesivo misticismo, nun país onde de súpeto todo o mundo sabe enormemente de calquera cousa que se poña de moda. Non consiste, agora, en explicar ata o detalle o impacto da presión psicolóxica, en bucear na biografía de Biles ou facer cábalas sobre como traballa ou vive. Nin tanto nin tan pouco, porque nin temos a información suficiente (e non temos por que tela) nin existen, en xeral, os coñecementos suficientes para comprender o necesario.


O verdadeiramente relevante está en entender que o deporte de elite, como outras actividades persoais e profesionais, especialmente onde a esixencia é moi elevada, resulta difícil de xestionar en todos os planos (físico, técnico, psicolóxico, alimentario…) e, por tanto, a todos eles hai que atender. O importante está en saber que calquera persoa pode verse involucrada nun problema psicolóxico, que afrontalo é mellor que evitalo e que por iso fan falta as ferramentas e as axudas necesarias.


Porque isto non fai a ninguén máis débil ou desvalido, senón ao contrario. Alguén que prepara durante case toda a súa vida este momento, e necesita renunciar, amosa unha enorme entereza ao comprender que non todo pode ser aguantado. Non había que ser forte para seguir, a inmensa fortaleza persoal está en parar. A pesar de todo, parar. E iso tamén (e sobre todo) é un éxito persoal que, polo seu exemplo, hai que agradecer a Simone Biles.

A fortaleza de Simone Biles

Te puede interesar