agosto arde en temperaturas imposibles. Contra todo prognóstico, o turismo de familias españolas está consolidado e invade os nosos litorais e salva a economía das nosas vilas, superando calquera expectativa. A falta doutras novas, arrecian as secuelas das facturas dunha enerxía que, aínda que sendo certo que nin se crea nin se destrúe, acaba por esgotar os nosos recursos e a nosa paciencia para chegar a entender o misterio último dun recibo da luz indescifrable. Impacta o volume e a intensidade dos voraces incendios que reducen grandes áreas do Mediterráneo a meras cinzas e tras elas, inundacións incesantes acaban por rematar a faena dunha destrución case de tintes bíblicos. Sempre consideramos que o quecemento da terra era cuestión de séculos, pero o cambio climático está chamando ás portas e evidencia a súa solidez argumental con datos indiscutibles en todas as latitudes. Moitas veces me pregunto que dirá agora o primo de Rajoy, aquel célebre negacionista de cambios climáticos, entre outras habilidades e destrezas, seguirá aconsellando a Rajoy da mesma maneira? Un vai aprendendo da importancia da resignación a medida que cumprimos anos. E entendendo finalmente que na viña do Señor ten que haber de todo. Non como perda da capacidade de loita ou acaso rendición, senón como resultado da convicción de que temos que tirar para adiante apoiados nos nosos propios principios, valores e crenzas. Agosto chega ao seu ecuador, e volve a poñer en evidencia a importancia do regreso ás raíces, dos saúdos familiares, das celebracións compartidas e do valor case tribal do grupo, do clan que compartimos. Recuperamos as comidas pandillares, as festas patronais e os atascos para chegar e saír das praias. Novamente a resignación, volve a ser importante, case imprescindible.
Amarte ten a solemnidade dos sentidos – dixo El – ese discurso rotundo de rio ou tenrura que insiste na caricia. Amarte ten a voz de eternidade da pedra...