DO (IM)POSIBLE

Ede súpeto, onde reinaba a escuridade, naceu a luz. Onde era imposible a renovación de cargos de diversas institucións, foi posible por obra e gracia do espírito santo, a saber baixo que formato ou advocación milagreira. O PP manexa caprichosamente os tempos de consensos e manipula a intencionalidade e a responsabilidade de facer realidade os mandatos constitucionais. E pretende quedar como o bo da película, e de paso cargando as culpas sobre os seus rivais, cando toda a sociedade coñece as tramas e as artimañas que utilizan para sacar sempre a mellor tallada de cada un dos procesos nos que se involucra. Utilizar o diálogo e a negociación nunca foi a súa primeira opción. Unha vez engraxada convenientemente a maquinaria de partido, e ao modo do clásico fuenteovejuna, saen todos os líderes e baróns dende os distintos territorios, repetindo o mesmo mantra por se, por erro ou omisión, alguén acaba por crer o incrible. Pero mentres, Ayuso segue coa súa propia guerra en defensa dunha recén descuberta liberdade e outras referencias inauditas. Almeida comenta a realidade coa ollada cómplice de quen coñece os arcanos que explican as cousas que non conta. E Feijoo evita e navega e asubía. E entre todos, axudan a construír unha realidade paralela feita de materiais heteroxéneos e parches de diversas orixes e texturas, que non teñen nin fío argumental nin discurso verdadeiro. Facer da (im)posibilidade virtude, foi o truco de ilusionista que encheu de novas a prensa destes días de lavas e temores. Unha vez máis descubrimos que a historia está chea de imposibilidades posibles e viables. Ou dito doutro xeito, este acordo demostra claramente, a total reversibilidade das posturas pechadas, e o amplo marxe de relatividade que agochan as ameazas absolutas.

Contigo os mundos son elementais -dixo El- como as paisaxes humildes e simples dunha praia. Estamos feitos de sorpresa e de perplexidade..

DO (IM)POSIBLE

Te puede interesar