Non sei se será o outono ou a realidade inexorable de que imos acumulando tempo e experiencias, pero un constata non sentirse a gusto con moitos dos teatrillos banais cos que as derivas cotiás, insisten en ocuparnos. Despois de todos os camiños recorridos, vai resultar que nin temos memoria para poder aplicar aquilo de busque e compare, nin valoramos suficientemente a importancia do comprado, indiscutiblemente a mellor das ofertas. Hai comportamentos e posturas que teñen a mesma consistencia que o tremor incontrolable das coñecidas xelatinas. Calquera vento, cálido ou frío, é capaz de movelos de situación e destino. Debe estar de moda facer coa capa das conviccións, saios multiusos que sirvan para rotos e para descosidos. Nunca comunguei coa teoría global dos multiusos; as cousas teñen que ter forma adecuada e función definida para a correcta aplicación das normas e dos protocolos propios de cada actividade. Entendo perfectamente a ambición e a necesidade de ocupar o poder, son lícitos e necesarios para que os equipos funcionen. Incluso os presidencialismos para facer visible unha proposta ideolóxica. Pero hai que vir aprendido da casa. Levamos décadas de democracia e temos moita historia de parlamentarismo acumulada, como para soportar estoicamente as ocorrencias de cada día de Casado, sexa coa enerxía solar ou coa súa incomprensible campaña contra os intereses de España nas súas visitas ás Institucións Europeas. Pero tamén canso dos diversos tipos de negacionismos, da arrogancia dos antivacinas, dos machismos recalcitrantes e das frivolidades xudiciais nos delitos sexuais. A inconsistencia instala arbitrariedade e indefinición, e fai perder de vista que o urxente e imprescindible é a recuperación da economía, certamente, pero tamén a dignidade das persoas e os valores de cidadanía. Todo o demais ten a provisionalidade da conxuntura.
Hai silencio nos amenceres de pedra dunha ermida –dixo El– como inmensidades que caben no minúsculo. No debuxo definido dos teus ollos, habita sempre a tenrura...