A convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia centrada no fomento da participación de grupos de música galegos de todos os estilos nos festivais que se celebran no noso territorio permitiron o pasado ano 32 contratacións de 30 artistas en catro eventos, que foron os adxudicatarios finais desta liña de axudas.
Así, en 2024, o 17º FIV de Vilalba, desenvolvido os días 25 e 26 de abril na capital da Terra Cha, ofreceu as actuacións de Grande Amore, Mondra, Señora DJ, Eme DJ, Iván Ferreiro e Lontreira, en tanto que a terceira edición de Murallón de Son, que se celebrou en Bandeira (Silleda) os días 5 e 6 de outubro contratou por esta canle a Rebeliom do Inframundo, Grande Amore, Señora DJ, Brassica Rapa, Harry May, Cé Orquestra Pantasma e Chorima; e a sexta edición de The Wild Fest, que tivo lugar no Parque Forestal de San Miguel de Oia, en Vigo, do 30 de agosto ao 1 de setembro, presentou unha carteleira galega integrada por Sanny, Niño Lobo, Martin Human, Law, The Lelli Kellys, Gargantúa, Superglú, Froján, The Broke, Lontras, Dakidarría, Moura, Mad Martin Trio e mais A Polémica Banda dos Bebuchos.
As subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribuíron tamén á contratación de intérpretes e formacións de música clásica, como foron Ars Atlántica, Dolce Rima, o clavecinista Diego Ares, o violonchelista Fernando Santiago e o violinista Adrián Linares para a sexta edición do Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco, programado en distintos espazos de Santiago de Compostela entre o 2 e o 16 de outubro do pasado ano.
Nova convocatoria aberta Esta mesma liña de axudas, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 19 de novembro cunha dotación total de 80.000 euros, mantén aberto ata o vindeiro luns 20 de xaneiro o prazo de presentación de solicitudes para festivais que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. A convocatoria en vigor continúa coa mesma finalidade incorporada como novidade en 2024, xa que está destinada exclusivamente a asumir os cachés artísticos de bandas e solistas de Galicia.
Poder solicitalas persoas físicas ou xurídicas de natureza privada para os festivais que organicen, sempre que estes conten con dúas edicións anteriores, teñan unha duración cando menos de dous días, programen un mínimo de cinco grupos e poñan á venda un 80% do total de entradas, entre outros requisitos. Ademais, o custo total do evento non pode ser inferior a 38.000 euros, do que 30% se debe destinar á contratación artística.
Con esta medida, búscase favorecer a participación da música galega en citas consideradas estratéxicas para o sector, que inciden de maneira destacada na visibilidade e promoción do talento galego e que contribúen ao desenvolvemento das industrias culturais a través da promoción dunha xestión máis profesional.