A RAG e o Museo de Pontevedra lembran a Marcial del Adalid, pioneiro da música culta de raíz galega

A RAG e o Museo de Pontevedra lembran a Marcial del Adalid, pioneiro da música culta de raíz galega
Marcial del Adalid

A enfermidade que acabaría quince meses despois coa súa vida avanzaba, pero en xullo de 1880 Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 - Oleiros, 1881), participaba como membro do xurado dos Xogos Florais de Pontevedra. A Boa Vila lembrará esta tarde quen foi pioneiro na incorporación á música académica da lingua galega e dos sons inspirados nas melodías populares no marco da presentación do volume Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega. No acto que acollerá o Museo de Pontevedra (19:00 horas) a autora, a musicóloga Laura Touriñán Morandeira, afondará na vida e na obra dun dos creadores máis relevantes da escena peninsular do seu momento. Acompañarana o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a directora do Museo, Ángeles Tilve; e o académico correspondente Fernando López-Acuña, autor do limiar. O público poderá ademáis escoitar varias pezas de Marcial del Adalid interpretadas polo pianista Alejo Amoedo.


Laura Touriñán Morandeira publicou na colección de Anexos do Boletín da RAG un libro que alén, de adaptar para o público xeral os resultados da súa tese de doutoramento, achega novos datos sobre Del Adalid e os fondos que conserva a Academia, a práctica totalidade das súas composicións (máis de 300 títulos coñecidos) tanto en manuscritos coma en obra impresa, que fan da RAG a institución de referencia para o estudo do compositor. Estas páxinas, salienta Fernando López-Acuña, detéñense ademais nesas melodías galegas que sitúan a Del Adalid como un dos precursores no camiño que secundaron autores posteriores como Pascual Veiga, Juan Montes ou Baldomir. 

 

Marcial del Adalid
Marcial del Adalid


Unha desas obras das que fala Touriñán e que converten a Del Adalid nun pioneiro da música galega culta é Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos (ca. 1871-73), baseada na vida do nobre feudal pontevedrés, figura central da Gran Guerra Irmandiña (1467-1469). Con texto asinado polo cronista, literato e historiador Fernando Fulgosio Carasa (ca. 1831-1873) partindo do seu estudo El castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Estudio histórico sobre el feudalismo en Galicia (1871), foi moi agardada polo público do Teatro da Zarzuela de Madrid, pero quedou inconclusa por mor do falecemento repentino do libretista, conta a investigadora. “Son escasos os fragmentos que actualmente se conservan dela —como o Preludio y Coro de aldeanos, a Plegaria de Eufemia, o Coro de la “Compaña” o sea de fantasma ou a Romanza de Don Pedro— e maioritariamente trátase de partes inconexas e sen numerar, o que dificulta deducir as escenas que faltan e o devir da trama completa orixinal”, detalla.


O legado de Marcial del Adalid na Rede

A musicóloga mergullouse na súa profunda investigación sobre Marcial del Adalid, entre outros arquivos e bibliotecas, nos da RAG. Tras a defensa sa súa tese na Universidade de Santiago de Compostela en 2020, lembra Víctor F. Freixanes, a institución convidouna a escribir o libro que hoxe presenta no Museo de Pontevedra e contou tamén coa súa colaboración e a de Fernando Lópéz-Acuña para a posta en marcha do sitio web que lle dedica ao compositor (https://marcialdeladalid.academia.gal/). Ambas as iniciativas desenvolvéronse co apoio da Deputación de Pontevedra. 


“Sentiamos a necesidade de facilitar o acceso a este enorme herdo que a RAG recibiu en 1928 de mans de María del Adalid, a única filla que o músico tivera coa súa dona, a escritora e académica correspondente Fanny Garrido (1842-1917), colaboradora literaria nalgunhas das súas obras máis senlleiras, como os seus cantares galegos. Con este espazo na Rede dámoslles acceso ás súas partituras a músicos de todo o mundo e achegamos tamén a figura de Marcial del Adalid a un público máis amplo e non especialista. Entre outros recursos divulgativos, tamén acubilla o libro co que nos agasallou Laura Touriñán, unha obra fundamental para coñecer a biografía apaixonante de Marcial del Adalid e o contexto histórico no que viviu”, salienta o presidente da Academia.


“Se presentar unha obra como esta é xa de por si unha boa noticia, facelo da man da Real Academia Galega faino aínda máis satisfactorio”, expresa Ángeles Tilve. “Os camiños do Museo e da Academia diríxense ambos cara ao horizonte dunha cultura e unha lingua galegas plenas e recoñecidas pola sociedade. Nese percorrido, os nosos traxectos únense en moitos puntos, mostra de dúas institucións sempre abertas a colaborar”, engade a directora do Museo de Pontevedra, que gaba tamén o rigor da obra de Laura Touriñán.
“Toda a bibliografía consultada é sometida a crítica: na súa estancia no Reino Unido, como bolseira, na Royal Academy of Music, institución da que foi profesor Ignaz Moscheles, Laura Touriñán buscou as pegadas de Adalid en Londres”, detalla Fernando López-Acuña, autor do limiar. “Ofrécenos multitude de datos novos, como a acta matrimonial de Marcial del Adalid e Fanny Garrido. E unha vez depurada toda esa información, configura unha biografía de Del Adalid que o sitúa perfectamente no seu contexto histórico”, valora o académico correspondente.


Pioneiro da música de salón de inspiración galega

“Con certeza Marcial del Adalid é un dos personaxes máis relevantes da nosa historia da música e da cultura galegas, pero tamén un dos autores decimonónicos máis destacables da historia da música española”, apunta Laura Touriñán, en referencia á prolífica produción compositiva. Centrada especialmente no piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo e de estilo actualizado coas tendencias estilísticas imperantes da época. A musicóloga agarda que os esforzos de divulgación sobre a figura e a obra de Del Adalid faciliten un mellor coñecemento da “valía e o sorprendente da súa achega á música”,  non de abondo dimensionados malia gozar de popularidade canda outros compositores nados en década posteriores como Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro “Chané” ou José Baldomir, considera.

 

A monografía que asina a musicóloga afonda nesta liña, entre outras cuestións, nas composicións que están directamente relacionadas con Galicia, ben pola música, ben pola lingua ou ben polo seu argumento histórico-literario. Porque na súa madureza, seguindo o estilo da mélodie française, Marcial del Adalid escribiu numerosas pezas para poemas en francés de autores como Victor Hugo, Musset ou Lamartine, mais tamén en castelán e os cantares galegos de salón ou cancións líricas galegas, singulares polos seus poemas en galego e temática costumista.

 

O compositor dedicoulle estes Cantares viejos y nuevos de Galicia (ca. 1871-77) á súa filla. Estas cancións —algunhas delas sobre poesías de Fanny Garrido— son só unha parte do conxunto de obras inspiradas na terra natal que o artista escribiu fundamentalmente neste treito final da súa vida. Nelas o compositor levou por primeira vez as tradicións, os costumes e a historia de Galicia aos salóns, nos tempos dos nacionalismos culturais europeos e do Rexurdimento. Dita produción abrangue tamén Galicia. Marcha triunfal para piano só (1859-60), Mondariz (ca. 1880-81), Danse Galicienne (ca. 1879-80), Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos (ca. 1871-73), Ynes è Bianca. Drama lirico un quattro atti col un prologo (ca. 1873-78) e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquestra (1881).

 

Estas obras pioneiras beben da sonoridade das melodías populares autóctonas, que Marcial del Adalid adapta aos xéneros de salón, escénico ou sinfónico, segundo o caso; ou ben son melodías de novas creación que se inspiran nas de orixe popular, como sucede nos cantares vellos de Cantares viejos y nuevos de Galicia. A lingua galega emprégase como elemento identitario por primeira vez na música académica na totalidade dos cantares e en Mondariz, mentres que emerxe en momentos puntuais da mencionada zarzuela sobre Pedro Madruga, onde predomina o castelán, e mais na ópera Ynes è Bianca, escrita en italiano.

 

A RAG e o Museo de Pontevedra lembran a Marcial del Adalid, pioneiro da música culta de raíz galega

Te puede interesar