Tanxugueiras fan historia nun ateigado Coliseum da Coruña

O recinto herculino encheuse por primeira vez nun concerto en galego
Tanxugueiras fan historia nun ateigado Coliseum da Coruña
Sabela e Olaia Maneiro, e Aida Tarrío, as Tanxugueiras, durante o concerto do Coliseum | Pedro Puig

Houbo bágoas, houbo risos, houbo emoción e houbo baile. E todo servido dende a raíz e a tradición da man das Tanxugueiras. Aida Tarrío e Sabela e Olaia Maneiro prometeron un concerto histórico no Coliseum da Coruña e así foi. Ateigado de público "por primeira vez para un concerto en galego", como elas mesas resaltaron", o recinto herculino foi testemuña viva de que a música tradicional de Galicia, feita no idioma propio e coa raíz ben chantada na súa historia veu para quedar. 

 

E como mostra, o botón de Mondra: o artista foi o teloneiro perfecto do que foi a última cita da xira do "Diluvio". Quentou as palmas, os pés e o corazón do público coa súa "Folía das Ardentes", a terra dos afectos e da sensualidade impregnada de raíz coa que o bailador e cantareiro reinventa a música tradicional galega para levala moito máis alá, con toques electrónicos ou de rap, pero tamén ao piano nunha atmosfera íntima entre as miles de persoas que encheron o Coliseum, entre as que estaba unha Ana Pontón, líder do BNG, que desfrutou como todos dunha noite irrepetible.

 

O público que ateigou o concerto de Tanxugueiras | Pedro Puig

 

Tras Mondra chegaron as Tanxugueiras, pero non soas, senón acompañadas de moitos artistas que nos últimos anos axudaron as tres galegas a compoñer un novo panorama no seu son. Pasaron con elas polo escenario Rozalén, Rayden, Valeria Castro e Muerdo, cos que Aida, Olaia e Sabela demostraron que para amar a música galega non fai falta ter nacido máis aquí do Padornelo. Nunha sorte de unión entre presente, pasado e futuro, Tanxugueiras deron tamén a benvida a unha das almas da nova música de Galicia como Guadi Galego e ás Fillas de Cassandra, irrompentes sen miramentos no panorama musical coa súa fusión de tradición e electrónica.

 

Soaron no Coliseum o "Pano corado", as "Seghadoras", a "Desidia", a "Figa" ou a "Perfidia", sen perder de vista, como elas mesmas dixeron, as que se apoian máis na tradición máis pura, pandeireta en man, como "O querer", ou a reividicación da "Cultura crítica", porque niso se basea o son "tanxugueiro": na tradición levada máis alá, pero coas raíces ben chantadas na terra. 

 

E ese tiña que ser o final. Esa "Terra" que xa é moito máis ca unha participante no Benidorm Fest ou unha candidata a Eurovisión, xa é o himno que berra que a música galega veu para quedar e non ten fronteiras. "Llegadas hasta aquí, sabemos que ya nada es imposible", cantaban unhas emocionadas Tanxugueiras con Muerdo, mentres este secaba una bágoa da fazula de Aida Tarrío. Porque xa nada é imposible para estas tres mulleres que xa son historia da música, do Coliseum, da Coruña e de Galicia. "Vou a dar a despedida, para as miñas camaradas, vou a dar a despedida, pero sigue a foliada".

Tanxugueiras fan historia nun ateigado Coliseum da Coruña

Te puede interesar