O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do catálogo de Libros Infantís e Xuvenís de Galicia 2025, elaborado co apoio da Xunta pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Trátase dun libro que recolle 120 títulos de máis dunha vintena de editoriais para promover, nos mercados internacionais, a produción literaria galega dirixida aos lectores máis novos.
No acto, celebrado na Biblioteca de Galicia, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, sinalou a importancia desta colaboración coa que o Goberno galego pretende achegar a literatura infantil e xuvenil escrita e editada en Galicia. “Esta ferramenta que impulsamos ao longo dos últimos anos é fundamental para dar a coñecer o traballo dos nosos profesionais en mercados internacionais”, apuntou antes de engadir que é unha medida que se complementa coa presenza da Xunta de Galicia nas principais feiras do mundo ou coa convocatoria de axudas para que o sector participe nelas.
O catálogo Libros Infantís e Xuvenís de Galicia 2025 suma máis dun cento de obras de 22 editoriais que reflicten a diversidade do sector e a permanente renovación das temáticas e da estética dos seus profesionais. A primeira cita na que se amosará este volume será na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña que será entre o 31 de marzo e o 3 de abril, e onde se celebrará o Día da Literatura Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, xunto coa ilustradora Bea Gregores e o alumnado da Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
Tamén en abril, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estará presente na Feira do Cómic de Barcelona, que se celebrará do 4 ao 6 de abril e á que están convidados a ilustradora Paula Chesire, que amosará o seu traballo en directo, o alumnado das Escolas de Arte e Superior de Deseño Antonio Fáilde, de Ourense, e Pablo Picasso, da Coruña, ademais de varios representantes do Festival Viñetas desde o Atlántico.