O Teatro Colón acolleu a segunda edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, nos que a institución provincial distingue ás persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva.
O premio á mellor entidade na promoción do deporte base foi para o Club de Remo Cabo de Cruz, que representa a Galicia na Euskolabel Liga e na Liga Euskotren de traiñeras. Cabo proclamouse a semana pasada en Moaña campión de 1 Liga Galega de Bateis con triunfos nas categorías infantil, Cadete e Sub 23 feminino e Cadete masculino.
Na Gala Provincial tamén foron premiados O Gran Camiño (mellor evento deportivo), a Fundación Abrente, creadora do proxecto ENKI (mellor entidade na promoción do deporte inclusivo), os atletas Esther Pedrosa e Iván Morales (mellores deportistas veteráns), Javier Iglesias Villanueva (mellor árbitro), Lino López (mellor adestrador), Iago Fuertes Leonardo e Digna Silo Mangue (mellores deportitas de base), Damián Ramos e Lorena Bermúdez Doce (mellores deportistas con diversidade funcional), e Víctor Senra e Belén Toimil (mellores deportistas).
Houbo catro mencións especiais que recaeron no Centro Penitenciario de Teixeiro, que conta cun gran abano de actividades e programas deportivos; en Caetano Horta Pombo, remeiro noiés que xa ten pasaporte aos seus segundos Xogos Olímpicos; o Racing de Ferrol, club que ascendeu a Segunda División e Vero Boquete, unha referente do fútbol feminino mundial. Tamén proxectouse un vídeo de recordo e homenaxe Amancio Amaro, Luis Suárez e Arsenia Iglesias.