O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, vinculou o incremento da peaxe na AP-9 coa prórroga da concesión asinada durante o mandato do expresidente do Executivo, José María Aznar. Mentres, destacou as bonificacións por parte do actual.
A preguntas dos xornalistas, indicou que “a día de hoxe estamos a sufrir eses incrementos por unha prórroga que pode ser ilegal pero que asinou o PP”, dixo sobre a decisión tomada polo entón goberno popular e tamén en alusión ao posterior procedemento aberto pola Comisión Europa contra a citada prórroga ata o ano 2048.
“Se estamos aquí é porque se asinou esa prórroga”, sentenciou Blanco que, fronte a iso, reivindicou as bonificacións de ata o 75% no caso da AP-9.
“Este Goberno, como ningún outro, está a traballar na senda da gratuidade”. “Imos a instauar unha bonificación importante para a autoestrada que une Santiago-Dozón”, apostilou para incidir en que hai un Executivo que “se preocupa polos usuarios da AP-9” e que iso é o que hai que “poñer en valor”.
A Federación Galega de Transporte de Mercadorías, Fegatramer, expresou onte o seu rexeitamento á nova alza no prezo das peaxes da AP-9, e cualificou como “trampa” os descontos anunciados polo Goberno, xa que se aplicarán “sobre uns prezos que xa subiron”.
Así o trasladou o presidente da Fegatramer, Ramón Alonso, quen advertiu de que non só os profesionais do transporte por estrada deberían opoñerse a este incremento, senón “calquera usuario” desta vía de comunicación fundamental en Galicia.
Segundo subliñou, a Autoestrada do Atlántico volve posicionarse como a infraestrutura “coas peaxes máis caras de España, ou dos máis caros”, agora cunha subida media da taxa de case un 5%, pero “cun aumento de case o 10% nalgúns tramos”.
Respecto diso, e á marxe do impacto neste sector, Ramón Alonso subliñou que a situación da AP-9 en Galicia supón “un agravio comparativo” co resto de territorios, nos que se suprimiron as peaxes en autoestradas. “A AP-9 ten 49 anos, e os políticos asinaron o que lles puxeron por diante”, referiu, en alusión á prórroga da concesión do vial.
Pola súa banda, A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar, integrada en Unión Profesional de Traballadores Autónomos, rexeitou tamén o novo incremento das peaxes da AP-9.
Nun comunicado, a asociación asegurou que o colectivo de traballadores por conta propia é, sen dúbida, o máis prexudicado tendo en conta que moitos destos profesionais “desprázanse de forma cotiá utilizando o corredor da AP-9 de forma obrigatoria, por non dispoñer dunha alternativa gratuíta”.
A asociación considera que “a empresa concesionaria da AP-9 segue baleirando os petos dos autónomos, traballadores e empresas galegos” e denunciou a “falta de seriedade e rigor dos partidos políticos e a pasividade que demostran neste asunto é absolutamente deleznable”. Ademais, criticou que “a gran patronal” mire “cara a outro lado”.