Sanidade convida aos MIR de último ano a reforzar a atención no verán

O Goberno galego recorda que a medida xa se aplicou en 2024 e participaron o 80% dos médicos internos residentes
Sanidade convida aos MIR de último ano a reforzar a atención no verán
Unha sanitaria atende e vacina na súa consulta a unha paciente | Aec

A Consellería de Sanidade volveu a convidar aos médicos internos residentes (MIR) de cuarto curso a reforzar a atención sanitaria na comunidade durante o verán.Así o decidiu o Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que aprobou a renovación do encargo das funcións ao persoal MIR de Medicina Familiar e Comunitaria que inicia agora o seus últimos catro meses de formación.


Segundo a Xunta de Galicia, trátase dunha medida que “xa se aplicou con éxito o ano pasado, despois da súa aprobación na Mesa Sectorial de Sanidade, na que participaron o 80% dos MIR, prestando apoio na asistencia sanitaria no verán de maneira voluntaria e supervisada”.


Nesta liña, o Goberno galego explicou que aceptar este encargo será de novo voluntario para o persoal residente, retribuida cun plus de máis de 2.000 euros mensuais e realizada co visto e prace da comisión de docencia.


Así mesmo, detallou que os MIR pactarán coas xerencias das sete áreas sanitarias o ámbito no que reforzarán a actividade: urxencias en PAC ou cobertura de axendas nos centros de saúde, aínda que tamén poderá estenderse ás urxencias hospitalarias.


Ademais, a Consellería de Sanidade lembrou que o Consello Interterritorial xa deu no seu momento luz verde a este apoio dos MIR de último ano nos postos de difícil cobertura, “a condición de que non choque cos plans formativos dos residentes e estean supervisados”.


A mesma medida, engadiu, poderá aplicarse para reforzar a atención pediátrica, co persoal residente de pediatría que estea no último ano de formación.

 

O obxectivo é “anticiparse”


Con esta iniciativa, a o Executivo autonómico asegurou que pretende “anticiparse” para programar de maneira adecuada a atención sanitaria nos meses de verán, “programando xa un Plan de cobertura da época estival, na que os profesionais sanitarios gozan do seu merecido período vacacional”.


Tamén remarcou que este ano o período formativo dos MIR finalizará nunhas datas “de pleno período estival e vacacional”, a segunda quincena do mes de xullo. Do mesmo xeito, recoñeceu que as previsións de xubilacións de persoal médico de atención primaria fan deste 2025 un ano “especialmente difícil para a reposición de efectivos”. 

Sanidade convida aos MIR de último ano a reforzar a atención no verán

Te puede interesar