A Xunta intentará a actualización do Plan de Normalización antes de 2025

Cultura sinalou que ese é o primeiro paso para poder pensar no gran pacto pola lingua “que Galicia precisa”
A Xunta intentará a actualización do Plan de Normalización antes de 2025
José López Campos conversa con Mercedes Queixas (2i) e Iria Taibo, deputadas do BNG | Lavandeira Jr (Efe)

O conselleiro de Cultura, José López Campos, sinalou este xoves que se está establecendo “un clima favorable” para comezar a pensar nese gran pacto pola lingua “que Galicia necesita” e asegurou que o primeiro paso será a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega (PNL), que se iniciará previsiblemente antes de que acabe o ano. 


López Campos mantivo onte o segundo dos encontros entre o Goberno galego e os grupos parlamentarios para alcanzar un novo acordo e nas reunións presentou un documento no que propón ata once grupos de traballo para actualizar o PNL de 2004, e “medidas urxentes” en ámbitos como a sanidade ou a xustiza.

 

Clima de diálogo


O conselleiro reuniuse no Parlamento co grupo dos populares e, seguidamente, con membros do BNG, PSdeG e Grupo Mixto. Á saída da reunión, o conselleiro declarou que existía “un clima de diálogo” moi favorable e que foi un día “produtivo” para avanzar na senda do pacto pola lingua. 


Lembrou que tras reunirse con institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, ademais de distintas editoriais, é necesario que “a parte política” dea unha imaxe de que estamos “nun novo escenario”, no que é necesario “alcanzar acordos”. “O importante é aumentar o uso social do galego e o seu prestixio e para iso os primeiros que temos que dar exemplo somos as formacións políticas”, expresou.

 

  Neste senso afirmou que todos os grupos políticos “comparten a mesma sensibilidade” e coinciden en “o diagnóstico”, polo que é necesario actualizar o PNL, que xa cumpre 20 anos. 


“Queremos constituír e comezar con esa actualización do plan antes do final deste ano, polo tanto, en decembro”, avanzou. “Cada día estou máis convencido de que temos perfectamente identificadas aquelas cuestións que nos poden separar no noso ideario político, pero tamén de que cada vez son menos as cuestións que non nos deben impedir crear este clima de diálogo”, sinalou López Campos.

 

 O conselleiro asegurou que non son coincidentes “no 100% das cuestións” e que existen “discrepancias”, como pode ser o decreto do plurilingüismo. Con todo, afirmou que están abertos a que se lles traslade “unha posición alternativa” e a  ue o BNG “expoña o seu modelo”. 

 

Reaccións políticas


Pola súa banda, a portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, sinalou que a revisión do PNL proposto pola Xunta é “insuficiciente” e ademais “inconcreta” e insistiu na necesidade de destinar máis orzamento para a política lingüística e en “derrogar” o decreto do plurilingüismo. 


Por parte do PSdeG, a deputada Silvia Longueira mostrou a súa satisfacción porque parece que o pacto pola lingua “vai cara adiante” e que as propostas do PPdeG tentan “desactivar a caída en picado da lingua galega”. Con todo, insistiu na necesidade de “consolidar as melloras e as reformas ao redor da lingua” e que teñan “unha perdurabilidad no tempo”.


Desde Democracia Ourensana, Armando Follea dixo que “ve ben” as medidas dos populares, pero afirmou que o decreto do plurilingüismo quizáis precisa ser modificado nalgúns aspectos. 


Por último, José Luis Ferro (PPdeG) expresou que “os conflitos, as loitas que temos nas comisións, as debemos apartar por un tempo, mentres empezamos a traballar en serio”. 

A Xunta intentará a actualización do Plan de Normalización antes de 2025

Te puede interesar