O IES Félix Muriel de Rianxo puxo en marcha este ano o primeiro certame literario “Cousas”, co obxectivo de renderlle homenaxe ao escritor local Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a súa obra. O concurso, que estaba aberto a todos os alumnos de secundaria, bacharelato e formación profesional, rexistrou un total de 68 traballos presentados, resultando finalistas unha trintena.
Deste xeito, o primeiro premio —dotado con 300 euros— foi a parar a Helena Castaño Pazos, alumna de 15 anos do IES n° 1 da Estrada, por “Cunetas”, do que o xurado apreciou a proximidade ás “Cousas” de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. O segundo premio, de 200 euros, gañouno Mateo Nandín Raviña, alumno de 17 anos, do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística “Proposta ‘post mortem’” e o terceiro, con 100 euros, para Adriana Padín González, alumna de 18 anos, do IES Politécnico de Vigo, por “Bágoas salgadas”. Tamén se concedeu tres áccesit a Zoe Fernández Piñeiro (IES do Milladoiro), Paula Porto Rodríguez (IES Politécnico de Vigo) e Alicia Cores Padín (IES Ramón Cabanillas de Cambados).