Alicia Padín (Amigos do Románico) | “A arte románica tiña que ser sinxela porque era os libros dos iletrados”

Alicia Padín leva case seis anos á fronte de Amigos do Románico, unha asociación que conta con case 1.500 socios en toda España e tamén no estranxeiro. Hoxe fala con nós de que ten esa arte, aparentemente escura, para causar tanto interese.

 

Como comezou o seu vencello coa asociación?
Estaba cursando o Mestrado de Estudos Medievais en Santiago e coñecín a asociación a través de Internet. Tiñan, e temos aínda, unha cuota especial para a xente máis nova e decidín que pagaba a pena colaborar cunha asociación que promovía, divulgaba e intentaba protexer a arte románica, que era o tema da miña investigación. Cal foi a miña sorpresa cando, meses despois, chamoume Augusto Guedes, que fora meu profesor de Historia da Arte no Instituto de Carril, e pediume que entrase na xunta directiva. Despois fun presidenta en funcións e xa en 2021 presentei a miña candidatura.

 

Que balance fai destes case seis anos como presidenta?
Bo, aínda que ás veces costa recuperar os números de xente que se dá de baixa ou defuncións... Pero é bastante orgánico. A xente vaise asociando porque lle gusta o que facemos, as nosas actividades e sobre todo ese sentimento de protexer e divulgar a arte románica.

 

E que actividades fan para lograr esa divulgación?
Moitas e variadas. Xeralmente o máis coñecido son as xornadas de Románico local, nas que durante un día coñécese a arte Románica dunha zona. Tamén temos asembleas nacionais; as fins de semana románicas, que son dúas anuais; o seminario avanzado do País Vasco; as xornadas sobre arte románica... E tamén facemos videoconferencias e charlas online a cargo de xente experta. Colaboramos moito con profesores universitarios sempre moi á última da investigación. Non é o típico de que che están explicando unha idea que está nos libros de hai 20 e que hoxe en día xa temos outras hipóteses.

 

"A xente que non ten coñecementos académicos é a que máis te sorprende. O Románico esperta unha paixón incrible"

 

Que perfil ten o socio de Amigos do Románico?
Temos un perfil moi variado. Tanto pode haber xente de Historia da Arte, coma min, coma xente que non ten estudos superiores. Pero ás veces, precisamente, esa xente que non parte dun coñecemento previo académico, é a que máis te sorprende. Porque o bo que ten a arte románica é que esperta un interese e unha paixón incribles.

 

Que ten o Románico para espertar esa paixón? Porque en principio parece bastante escuro...
Pode parecer escuro. A arte románica adoita denominarse como primeiro estilo internacional. Empeza no norte de Italia, pasa a Cataluña, Francia... Tendemos a pensar que na Idade Media non se desprazaban e non é así. A xente movíase moitísimo, ía a outras zonas, copiaba ideas...  Hai que entender que a arte románica trata de conmover ó fiel e que se interiorice esa relixiosidade, buscar ese momento de recollemento e de fé. Ese halo místico que teñen as celebracións relixiosas co cura dicindo a misa en latín, de espaldas... Hai que entendelo dentro dun contexto social e relixioso. 

Que descubriu desa sociedade medieval a través da arte románica?
Que o que nos ensinan de que a Idade Media era a época escura non é certo. E moitas veces tamén temos ese concepto de que a arte románica parece feita por nenos, as proporcións... Dicían “iso está mal feito”. Non! É que o que intenta mostrar e transmitir é unha idea. Era a Biblia ou, incluso, os libros dos iletrados. Eles aprendían a través desas imaxes. Tiñan que ser sinxelas e claras.


Vostede descubriu unhas pinturas na igrexa de Caleiro. Como foi? Foi importante para vostede?
Si, foi moi importante. Eu estaba rematando a carreira e inciárase o proceso de restauración da igrexa. Comentárallo a Dolores Barral, a que sería a miña directora de tese, e díxome que lle mandase unhas fotos. Naquel momento o retablo maior tiña un lateral aberto, cun oco de 40 por 30, ou menos. E dixen: vou entrar! E xa vin restos de policromía. Fun á casa, collín algún cepillo e empecei a limpar con coidado de non estropealo. E, efectivamente, había unha adoración do neno Xesús e policromía que representaba motivos vexetais. Aquilo foi...

 

Amigos do Romu00e1nico
O colectivo durante una visita, con Padín (abaixo, primeira pola esquerda)  | cedida

Sentiríase Indiana Jones, polo menos...
Si, practicamente (ri). Seguen detrás do retablo, sabemos que están en bo estado a pesar de que había bastante humidade... Gustaríame que estivesen visibles? Si. Pero iso implica cartos. Espero que o día que se faga, sexa con coherencia.


Cal é a xoia do románico da comarca para vostede?
Hai moitas igrexas moi salientables pero a que suelo destacar máis é a de Sobrán. Por tamaño, por importancia, por relevancia a nivel iconográfico, porque se conservou practicamente intacta ata a época moderna... Foi unha mágoa que non se conservase a igrexa de Cálago, sobre a que tamén estudei, pero hai algunha evidencia fotográfica e de debuxos.

 

Como animaría a que a xente se una a Amigos do Románico?
Sempre digo que a mellor forma de conservar o patrimonio é dando a coñecelo. Aquí imos coñecer moito máis románico que o desta zona. E, ademais, desfrutar da compañía de xente coa que compartes intereses. Ó final facemos moita amizade. Ademais, temos unha revista marabillosa da que o ano que vén editaremos un número 40 súper especial, no que van colaborar diferentes universidades de toda España, e que vai facer as delicias de quen desfruta lendo sobre arte románica. 

Alicia Padín (Amigos do Románico) | “A arte románica tiña que ser sinxela porque era os libros dos iletrados”

Te puede interesar