O Concello de Cambados vai retomar a histórica demanda de transformar o porto vello nunha mariña tradicional onde amarrar e poder disfrutar, como unha especie de museo ao aire libre, de todo o patrimonio conservado e divulgado polos diferentes colectivos locais de navegación tradicional a vela. Tras un primeiro contacto co seu propietario, Portos de Galicia, ve predisposición e agora manterá unha reunión oficial que, segundo o resultado, daría paso á redacción dun proxecto técnico completo a partir dun boceto preparado xa hai anos polo Clube Mariño Salnés.
É unha das entidades “máis activas” da vila, segundo o concelleiro de Patrimonio, Liso González, que lanzou onte o seu compromiso de acadar este desexo como parte do esforzo feito dende o seu acceso ao cargo para a posta en valor deste patrimonio (feira mariñeira, abrir as axudas a estas entidades, etc. ). Unha aspiración ademais, a de ter mariñas tradicionais, existente en toda a Ría de Arousa.
O edil cambadés explicou que converter o peirao en forma de T non precisaría dun investimento demasiado elevado. A idea inicial é sustituír os farois e a varanda por algo de diseño máis antigo e derrubar o peto, que “non é orixinal” e tapa as vistas do mar dende esta infraestrutura centenaria e infrautilizada. En canto aos amarres, faríanse a través dun pantalán móbil e habería unha vintena de puntos, aproximadamente. De conseguirse, unha “segunda fase”, non tan inmediata, sería lograr unha nave de invernaxe para os clubes da vila, entre os que tamén están As Joritas e A Torre.
Para o Mariño Salnés, o compromiso municipal “é unha excelente noticia”, segundo Xaquín Cuíñas, un dos históricos membros da entidade con máis de 25 anos. Como lugar “idóneo” para a súa Escola de vela de navegación tradicional e porque, por sorte, a conservación deste legado “cada vez vai a máis”, asegurou.
Precisamente, onte presentaron unha nova edición da súa xornada de iniciación, que será o sábado 28, en modo intensivo e teórico-práctica. Ofrecen 12 prazas cun prezo de 60 euros por persoa e inclúe o xantar, o seguro e a cota de socio para o que resta de ano. A loxística estará composta por un equipo de vinte persoas, entre patróns e axudantes, e seis dornas, polbeiras na súa maioría, aínda que tamén estará a “Muller de Balboas”, de tope.
Pola mañá, os participantes recibirán unha introdución con apuntes históricos e logo irán ao pantalán de San Tomé para obter nocións de como se aparella o barco antes de saír a navegar e logo farase unha primeira saída. Pola tarde haberá unhA navegación máis libre, con máis autonomía para os participantes, pero sempre con acompañamento, facendo un pequeno percorrido arredor da Torre de San Sadurniño e para aprender as formas de navegación a vela; de bolina, por exemplo.
Esta actividade, que só parou pola pandemia, sempre ten moito éxito e Cuíñas explicou que “se temos medios –das administracións– poderemos incrementar as prazas”, porque adoitan cubrirse con rapidez. Os interesados deben saber nadar e no caso dos menores de 16 anos, hai que presentar consentimento dos pais. É posible facelo no formulario da web do clube (https://cms.gal/), nas súas redes, no teléfono 626 581 921 ou por correo.