Dolores Gómez (Mulleres Salgadas): “Pasamos de ter trece patroas maiores en Galicia a tres. Algo está pasando”

Dolores Gómez é bateeira e presidenta da asociación Mulleres Salgadas, un colectivo con sede en Vilagarcía que aglutina a mulleres traballadoras do sector do mar, sendo o primeiro e único en Galicia que así o fai. Hoxe, Gómez fala con nós delas e do mar.

 

Por que sentiron esta necesidade en 2016 de crear este colectivo?
Porque somos moitas mulleres traballando no mar e en realidade non temos representación nin a visibilidade que realmente deberiamos ter.

 

De feito un dos obxectivos da asociación é poñer en valor este traballo da muller no mar. Como diría que vai este asunto, tras 8 anos de vida de Mulleres Salgadas?
Non vai todo o ben que nós quixeramos porque, por exemplo, de 63 confrarías que hai en Galicia, só hai tres patroas maiores. Estamos vendo que hai un retroceso. Pedimos axuda á Xunta, antes destas eleccións, pero non entendeu que fose necesario. Ó final vese que si que o era. Porque no 2014 creo que había trece patroas maiores, logo foron seis e agora son tres. Algo está pasando e é necesario saber que é. Por que as mulleres non se presentan? Por moitos factores. Por exemplo, a corresponsabilidade que falta. Son maioritariamente as mulleres as que se fan cargo dos coidados da casa, teñen moitos traballos e entenden que a representación non é para elas.  

 

E sigue habendo traballos que se consideran máis masculinos?
As mulleres somos a metade da poboación e non estamos representadas como tal. Galicia é, de toda España, onde máis mulleres hai no mar. A parte que non están nas confrarías, nin nas federacións de confrarías. Si hai algunha que é vicepresidenta, pero por que nunca houbo ningunha presidenta dunha federación? E eu son bateeira, que é verdade que case non hai mulleres, pero cando comezou o sector do mexillón e non había maquinaria, eran as mulleres as que ían desdobrar e facer os traballos duros. Pero cando veu a maquinaria, foron desprazadas.

 

Son máis de 2.000 membros na asociación. Como se organiza un colectivo tan grande?
Somos unha xunta directiva de seis ou sete persoas de perfís moi disintos. Logo facemos unha asem­blea e temos comunicación vía grupo de WhatsApp, facemos cursos...

"Se es mariscadora e tes outro traballo, co cese xa non tes dereito 
a axudas. Queremos que iso cambie, porque é vivir na miseria"

Que tipo de cursos?
Fixemos uns de dixitalización, sobre todo no Salnés e Barbanza, para que as mulleres teñan o certificado dixital e saiban manexarse online, porque para todos os trámites o esixen. Procuramos dar toda a formación que nos é posible, pero buscamos apoio porque non temos recursos, precisamos de subvencións. Cobramos 30 euros por socia ó ano pero este, como teñen unha situación difícil, baixámosllo a 15 euros.

Cónteme un pouco desa situación difícil que vive o sector.
Levamos xa unha tempada moi grande en todos os sectores do mar na que a produción está caendo, e este ano xa foi malísimo. A maioría das confrarías da Ría están sen traballar, vivindo dos subsidios.  E iso as que teñen acceso a eles, porque se es mariscadora e tes outro traballo, co cese xa non tes dereito a axudas, aínda que ó mellor esteas gañando 200 euros. Nós estamos buscando que cambie iso. É difícil, porque hai que cambiar a lei, pero é que isto é vivir na miseria.

 

E a que cren que se debe esta crise da produción?
É un cúmulo de factores. Condicións climáticas, contaminación...


As institucións botan unha man ó sector nesta situación que vive?
A Xunta podía facer moito máis. Porque se ten tantos institutos, terá que saber que está pasando. Por que os Lombos do Ulla levan anos sen dar nada? E non creo que sexa boa política dicir: Se non vas aquí podes ir a outro lado, porque estás esquilmando o que queda.

 

Cre que o mar sigue sendo unha boa saída laboral?
Neste momento estamos nun­­ha crise, pero como en calquera sector. Eu penso que si é unha boa saída pero neste momento é difícil.

 

E que ten de bo ou de positivo?
Tenche que gustar traballar nun medio natural, pero es libre. Traballamos para nós e, se non podes, es libre de non ir. Xestionas o teu tempo. E a Ría de Arousa é un en

torno bonitísimo.

4c65baf5 79bb 4336 92e5 46a5641476ea
Dolores Gómez (no centro de negro), xunto a outras integrantes da directiva | Cedida

Anualmente entregan o Premio Muller Salgada, que recoñecen con el?
Queremos poñer en valor a mulleres e o seu traballo. O primeiro ano foi Raquel, patroa de Cabo de Cruz. O segundo, unhas mulleres do Grove, que levaban indo ó mar dende os 8 anos. O ano pasado foi unha mariscadora e este, as administrativas da Confraría de Rianxo, para poñer en valor que non só somos do mar os que mollamos os pés.

 

Cre que o consumidor valora o suficiente ó traballador do mar?
Eu creo que non, porque hai un descoñecemento moi grande. Ti preguntas a moita xente de onde saen as cousas e hai quen non ten coñecemento. Habería que promocionar máis todo iso. Sobre todo nos nenos, levalos ó mar, que saiban o que é unha batea, cales son os traballos do sector.

 

Cal é o seu soño para a asociación?
Que a representatividade das mulleres no mar fose máis grande, porque se estás alí podes defender o teu. Tamén queremos que se cambie a Lei de Confrarías e que se teña en conta a paridade.

Dolores Gómez (Mulleres Salgadas): “Pasamos de ter trece patroas maiores en Galicia a tres. Algo está pasando”

Te puede interesar