Luis Dobarro é o presidente de Ollares de Portonovo e desprende paixón pola fotografía. Tanta que recoñece que prefire mirar a realidade a través dun visor. Hoxe falamos con el desta arte e do colectivo que preside.
Empezamos cunha pregunta difícil: Como se saca unha boa foto?
Bueno, eu son afeccionado, habería que preguntarlle a un profesional. Moita xente pensa que igual a foto está supeditada ó equipo que teñas, pero as fotos boas saen do corazón ou da cabeza, non da cámara. Na nosa asociación temos xente que, sen ter moita idea técnica, fai unhas fotos excepcionais. Non sabes moi ben por que, pero mírala e diche algo. En cambio, outros facemos fotos que están perfectamente enfocadas, coa saturación de cor ben, coa luz perfecta... pero non din nada.
Será logo unha mistura entre ter gusto e técnica?
Si, pero eu creo que hai xente que xa nace con iso. Eu odio a esa xente (ri). É unha cousa que non podes aprender. Teñen esa visión especial.
Cal sería o equipo mínimo necesario para comezar nesta afección?
Nós sempre dicimos: se che gusta facer fotos, compra un bo móbil. Pero se che gusta a fotografía, compra unha cámara. Se queres ser profesional non é moito investimento, en comparación con outras profesións. Pero se queres ser afeccionado, unha cámara media anda sobre os 500 euros.
A asociación é para quen xa teña coñecementos ou pódese aprender con vós?
Somos preto de 70 socios e temos bastantes profesionais pero non esiximos saber. Facemos cursos e a xente que entra ten dereito a participar en todas as actividades, que son máis de 40. Entre elas hai un curso de iniciación, outro de nivel medio e outro de revelado dixital. O número de socios é por iso, porque moitos entran para aprender e despois quedan na asociación.
Que engancha tanto da fotografía?
A min, por exemplo, gústame mirar a través do visor da cámara. É unha cousa curiosísima. Ó mellor estou mirando unha paisaxe sen a cámara e non é o mesmo que cando teño o ollo posto no visor. É unha forma de gardar recordos, tamén. Son pequenos momentos da vida que é moi interesante para recordar.
"Todo fotógrafo debería imprimir as fotos que lle gusten e colgalas nas paredes. No papel paras máis tempo a miralas"
Hoxe temos moitas máis fotos que nunca pero non cre que se lle dá menos valor?
Coas fotografías de antes, en papel, parabas máis tempo a miralas. Por iso tamén nos gusta facer exposicións con fotos en papel. Creo que todo fotógrafo debería imprimir as fotos que lle gusten e colgalas nas paredes. En cambio hoxe en día no móbil deslizamos, vemos un milisegundo cada foto. Eu penso que as fotografías boas sempre van ser boas e os mestres da fotografía van estar aí.
Tamén vivimos un momento no que hai quen arrisca ata a vida por unha foto...
Iso non é a fotografía, é en xeral a xente, que vivimos a toda velocidade e intentando destacar dos demais. É un tema de persoas, penso eu.
Hai algunha fotografía que lle impactara especialmente ó longo da súa vida?
Unha das actividades que estamos facendo é recopilar fotos históricas da zona de Portonovo. E hai dous fotógrafos alí, Olimpio e Gerardo Torres, que teñen un montón de fotos que son espectaculares. Por exemplo, ver Portonovo ou Sanxenxo nos anos 50, impacta moito. Despois hai fotos como a da emigración, que case te fai chorar.
Pasaralle moito isto de sacar fotos espectaculares a todo o mundo pero non ter fotos boas súas...
Eu precisamente fíxenme fotógrafo para non saír nas fotos (ri). A xente normalmente non se ve ben nas fotos, porque a imaxe que temos de nós mesmos é máis onírica que real. Pero tecnicamente, si é verdade que somos esixentes nese sentido. Eu se vexo unha foto dunha paisaxe e o mar está torcido... xa se me poñen os pelos de punta (ri).
A parte das exposicións e os cursos, que máis actividades fan?
Facemos saídas e quedadas. Saídas é cando imos lonxe. E quedadas son por aquí. Despois facemos saídas nocturnas, que adoitan ser na fin de semana. E tamén temos master class e talleres. E a nosa actividade máis importante é Ollares na Rúa, que é un pouco a evolución de “Pon una foto en la calle” que se fai en todo o mundo o 18 de febreiro, día internacional dos museos. Nós cambiámolo a maio, porque polo tempo, non había un ano que se puidese facer.
En que consiste?
Nos pediamos fotos á xente pero o que pasou foi qu
e en vez de traernos fotos deles, traíannos fotos antigas, da familia. Empezamos a xuntar e hoxe en día estamos metidos nun tinglado que non sei como imos saír (ri). Temos xa de Portonovo e arredores unhas 3.000 fotos antigas e de Sanxenxo 1.500. Expoñémolas eses días na rúa. A raíz disto démonos de c
onta de que xente como Olimpio ou Gerardo Torres tiñan a historia da zona en imaxes e quixemos facer a Cámara de Ouro de Ollares, e todos os anos nese evento entregámola a algún fotógrafo. Agora teremos que ir evolucionando e abrilo a máis sectores.
E que proxectos teñen en mente?
Organizar todas esas fotos e tamén temos en marcha u
n traballo co club de xubilados de Portonovo, no que lles facemos fotos e lles pedimos que nos traian imaxes de cando eran novos e nos conten algúns datos seus. Xa temos algunhas persoas e gustaríanos facer algo con iso.