Esmar é unha asociación que axuda a mulleres vítimas de violencia de xénero pero que tamén loita contra outros tipos de violencia, como a escolar ou o acoso laboral. Sole Cores é a súa presidenta e hoxe fala con nós sobre o labor de Esmar e as súas demandas.
Como foi o nacemento de Esmar?
Esmar creouno a primeira presidenta, Mari Carmen Torres. Ela foi vítima de violencia de xénero e cando Bretón matou ós fillos, ela veu á nai na televisión e removeulle o que ela vivira. Entón comentoume que lle interesaría facer a asociación e a min pareceume boa idea. Pediume para ir con ela e eu en principio díxenlle que non, porque eu non son vítima de violencia de xénero, pero ela díxome: “como me axudas a min, tamén quero que axudes a outras”. Despois, o concelleiro de Igualdade de Ribadumia, ó ver que eramos a primeira asociación deste tipo no Salnés, chamounos e fixemos a presentación o 25 de novembro de 2015.
Dixo antes que vostede non é vítima de violencia de xénero, porque non é necesario selo para formar parte da asociación...
Debería haber máis persoas así, pero a xente é moi pouco empática. Á asociación veñen as mulleres que pasaron ou están pasando por iso... Pero que fagan o que fago eu, de estar con elas... son a única da asociación que non é vítima de violencia de xénero.
Como é o proceso cando unha muller chega a pedirlles axuda?
Cando chama ó teléfono da asociación, preguntámoslle de onde é, que necesita e concertamos unha cita. Cóntanos o que lle está pasando e nós dicímoslle o que podemos facer. Acompañámola ó xulgado, ós intercambios... Tamén temos un convenio cunha avogada para que a poida asesorar. Ás veces tamén as poñemos en contacto coa prensa, cando levan moitos anos á espera de xuízo. E moitas veces axilízase todo.
Pesa moito a lentitude da xustiza?
Si. Igual botan catro ou cinco anos esperando unha resolución e iso non é vivir. Porque as exparellas ó mellor síguenas acosando.
Están cubertas neses momentos?
Si, pero non todo o que deberían. Teñen protección pero ás veces falla e son elas as que teñen que quedar pechadas na casa.
Como poderían as institucións mellorar esa situación?
Que axilicen as cousas e que non solten ós maltratadores sen ter un xuízo. Se teñen que esperar catro anos, pois que esperen catro anos. E que non teñan ás mulleres sufrindo.
Tamén axudan ás mulleres no tema económico e de vivenda?
Nós asesorámolas. Non temos unha vivenda onde poder metelas pero hai sitios onde poden ir. Moitas non saben que hai axudas económicas que poden pedir ou que hai vivendas onde poden estar cos fillos mentres lles buscan un traballo e unha nova vida.
E lograron ter por fin un local?
Estivémolo pedindo no Concello de Ribadumia porque alí está a sede da asociación e porque ó recibilas nunha cafetería, sempre hai oídos escoitando e elas síntense cohibidas. Pero para nós soas non había local. Ocorréusenos ir ó concello do lado (Cambados) a pedilo e cedéronnos un. Que, por certo, desde que nolo deron en xaneiro recibimos moitísima xente, aínda que o primeiro contacto normalmente é por teléfono.
Que é o principal que necesita unha muller maltratada?
Moitas veces o primeiro que necesitan é un abrazo. Porque en ocasións a familia propia non as entende. Que lles dean un abrazo e as escoiten, xa é bastante.
Esmar tamén pedía unha unidade de atención psicolóxica especializada no Hospital do Salnés. Como vai ese asunto?
Si, tamén pedimos o punto de encontro para a zona do Salnés, porque hai que ir a Pontevedra... Pero as cousas de palacio van despacio. Agora estamos traballando con psicólogas para ver se poden facer un prezo especial para atender ás mulleres... E pedir unha axuda á Xunta para que poidan ter unha sesión cada semana ou cada quince días.
"Hai mulleres que botan 4 ou 5 anos esperando un xuízo.
Iso non é vivir, porque hai exparellas que continúan acosándoas"
Tamén fan actividades. Cales?
Facemos charlas, talleres, presentacións de libros, camiñatas... Esas gústanme moito porque despois de andar imos tomar un café e as mulleres charlan máis distendidamente, anímanse... e é un apoio moi grande para elas. Tamén fixemos unha exposición de fotos nas que as mulleres reviven o maltrato que sufriron. Son fotos fortes. E despois temos un proxecto con Rubén Riós, “Vivas”. Estivo traballando con elas durante tres meses e agora estamos pendentes da data de estrea. O outro día mandoume un enlace para que vira como está quedando e é espectacular.
Como podemos axudar a Esmar?
Nós facemos unha gala benéfica ó ano, normalmente en decembro. É entrada gratuita pero vendemos rifas nas que sorteamos produtos que nos ceden os comercios. Tamén nos fan donativos... Nunca é moito pero imos tirando. Animo a que a xente nos axude e que nos dean aínda que sexa cinco euriños.
Que lle diría a unha muller que teña medo de pedir axuda?
Que non teña medo. O que nos contan a nós, queda alí nesas catro paredes. Ela é libre de contar o que queira e nós intentamos axudala no que poidamos.
Que a violencia de xénero é violencia de xénero e que hai que apoiar a esas mulleres.