O xurado do XXII Premio de Tradución Plácido Castro concedeu o galardón a Tamara Andrés e Oriana Méndez polo seu traballo coa obra “As iluminacións”, de Arthur Rimbaud. Os seus membros destacaron a “especial dificultade da tradución, que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal”. Asemade suliñaron que o seu traballo “mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais, así como a sonoridade” e que “ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a comprensión lectora”.
O fallo corréspondese á convocatoria do ano 2023 e o premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros mais un diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio”, deseñada expresamente para o certame polo artista Xaquín Chaves.
Dende a Fundación explicaron que é a primera vez que se recoñece unha tradución poética do francés ao galego, pois “As iluminacións” (“Les Iluminations”) é unha colección de poemas en prosa do poeta Arthur Rimbaud e foi publicada na colección Tambo da Editorial Kalandraka. No mesmo xénero foran recoñecidos en 2011 Lourenzo Maroño e Elena Sherevera por “Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko”.
Sobre as gañadoras desta edición do premio, que xa está consagrado como un referente no sistema literario galego, Tamara Andrés é graduada en Tradución e Interpretación e é titulada en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura; ten levado outros galardóns e dende 2018 é codirectora da revista literaria especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación “Ligeia”.
Sobre Oriana Méndez, é licenciada en Filoxoxía galega e ten diferentes publicacións, ademais de ser unha habitual en proxectos e encontros de acción poética. Tamén atesora outros premios polas súas creacións, sendo un dos máis recentes o concedido pola Afundación, pola súa obra “Interna”.
A entrega do Plácido Castro, cuxo patronato está conformado polos concellos de Vilagarcía e Cambados, entre outros, terá lugar o Día Internacional da Tradución, o 30.
O xurado estivo composto por Xesús Riveiro Costa (Xunta), Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Xosé María Gómez Clemente (departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo), Xulio Ríos (Real Academia Galega) e Jacobo Domínguez Pedreira, quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación, con voz pero sen voto.