A Ludoteca de Verán de A Illa de Arousa ultima as súas derradeiras actividades cheas de actividades onde combinan o turismo, as novas tecnoloxías, a música, o medioambiente, o lecer.
"Xa queda pouco para rematar o verán, pero iso non significa que as actividades non continúen. Deste xeito, máis de 90 rapaces e rapazas teñen a oportunidade de participar nas diferentes actividades que se teñen plantexadas esta semana", valora a concelleira de Turismo, Formación e Emprego Rosi Viana.
Durante esta semana a cativada da Ludoteca de Verán do Concello de A Illa de Arousa ten posibilidade de participar nunha formación de achegamento ás novas tecnoloxías, ademais dunha iniciación á robótica educativa e programación.
Esta actividade estase a levar cabo grazas á Mancomunidade do Salnés, no marco do proxecto Núcleos rurais sostibles do Salnés: espazos abertos á innovación, financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dentro do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Os obxectivos deste tipo de formación son implementar actividades educativas e divulgativas que dinamicen o entorno dos núcleos rurais de pouca poboación. Ademais de ofrecer unha alternativa de ocio e educativa na etapa de vacacións tanto desde o punto de vista da rapazada como das súas familias, fomentan un achegamento á ciencia, á tecnoloxía e á innovación a través dunhas actividades orientadas aos máis novos de cara ao seu futuro nun mundo tecnolóxico.
Tamén terá lugar a visita ó Centro de Interpretación da Conserva para coñecer in situ a exposición de maquetas realizada por José Manuel Dios Cores que da súa man explicará á rapazada as súas creacións vencelladas ó patrimonio mariñeiro: diferentes tipoloxías de embarcacións, en especial as “dornas” cós seus apeiros de pesca (feitas con madeiras nobres como o carballo, cerdeira...), pero tamén faros, áncoras e mesmo motos e coches traballados con moito esmero e con todo luxo de detalles.
"Tampouco nos olvidaremos da protección da nosa contorna, a concienciación e respecto polo medioambiente, onde a rapazada participará nunha sesión de sensibilización ambiental nos bancos marisqueiros ofrecida pola Cofradía de pescadores de A Illa de Arousa que terá lugar na praia do Cabodeiro", engade a edil socialista.
Tamén ten lugar esta semana a tradicional acampada de verán destinada para os máis maiores onde participan na montaxe das tendas de acampada, as veladas e xogos. "Unha tarde-noite ó aire libre nun dos entornos máis valorados de A Illa de Arousa, a Area da Secada".
A semana rematará con actividades acuáticas e praia noutro dos entornos máis prezados do municipio, neste caso, "teremos como anfitrioa a praia do Bao coas canoas, hidropedais e xogos acuáticos".
A seguinte semana tamén está cargada de actividades, xa preto do fin da Ludoteca de Verán. "Teremos sorpresas, rutas turísticas, festexaremos a festa da auga, teremos a visita dalgún dos membros da escola de música, lembraremos o noso paso pola ludoteca de verán deste ano e festexaremos o fin da mesma para recargar pilas de cara o vindeiro ano".
Desde o Concello de A Illa de Arousa agradecen "ás monitoras e coordinadora o seu traballo, esmero e perseverancia para que todo fose según o previsto".