Somos Ribadumia denunciou hoxe o que considera unha situación de inseguridade no patio dunha aula do Colexio Rural Agrupado (CRA). Advirten que un valado de bloques de cemento leva semanas “en risco de derrubamento” neste patio.
“A situación de perigo dese valado para nenos e nenas é evidente, pero o Concello non pasou de apuntalar e sinalar”, afirman. “Está en estado crítico, a piques de derrubarse enteiro, o cal supón un perigo para os nenos, as nenas e o profesorado desa aula”, insisten.
Segundo indican desde a formación opositora, operarios do Concello procederon fai preto dun mes a apuntalar o valado e a poñer unha rede a xeito de separación polo lado do patio da aula. “Xa non volveu por alí ninguén, o cal non nos parece nin de lonxe unha maneira dirixente de actuar”.
“Unhas táboas por un lado cuns puntais que calquera pode tirar ou mesmo roubar, non nos parece a mellor solución”. Además, advirten de que “polo outro lado, o patio da aula, que conta con columpios e xogos, non se pecha fóra das horas lectivas e algún grupo de nenos ou non tan nenos pode ir por alí a curiosear, e unha rede de plástico entre a área de xogo e o valado tampouco nos parece moita protección”.
Engaden, a maiores, que lles consta o malestar de nais, pais e da propia ANPA. “Polo que sexa, David Castro fai oídos xordos ante a situación”, indican desde Somos contra o alcalde. Urxen que se actúe “de xeito inmediato”, retirando o valado e se proceda a unha solución “que dea seguridade”.