8-M: Fainos tanta falta

Non hai moitas semanas compartía conversa relaxada con algún amigos aos que vexo pouco pero quero moito. Por razóns que nin lembro, a conversa foinos levando a debates sobre cuestión de xénero, e atopeime cunha realidade que non por moito ser consciente deixa de sorprenderme cada vez que a vexo, i é a sensación non pouco estendida de que cala e penetra o discurso da vulnerabilidade do home porque “se están sacando las cosas de madre”.


Algúns dos presentes, entre os que había pais de nenas pequenas, definíndose como persoas formadas e avanzadas, cumprían un requisito que se repite con asombrosa frecuencia: responden ben ás conversas cortas pero, se un deixar falar e coloca ben algúns silencios, aflora unha tendencia a considerar que “todo isto” está algo fora de lugar. “Todo isto” é o movemento feminista, que reivindica en días como o 8M a igualdade plena e o recoñecemento integral dunha realidade necesariamente igualadora que non distinga ás persoas por ser homes ou mulleres. “Todo isto” é a loita invisible e silente que tantas e tantas mulleres veñen dando dende tempos inmemoriais. “Todo isto” é que as mulleres non teñan máis problemas de acceso ao mercado laboral, aos postos directivos e a recoñecementos profesionais polo mero feito de ser mulleres. E sucede. “Todo isto” é a vulneración das oportunidades que un home ten con máis facilidade, porque se lle supoñen certos valores e capacidades polo feito de ser home, cousa que non sucede coas mulleres. “Todo isto” é que hoxe pareza unha estupidez ter que reivindicar que unha muller poida votar, ter unha conta bancaria ou decidir sobre o seu corpo (e isto último aínda a moita xente non lle parece tanta estupidez discutilo, asombrosamente). Iso, antes, tamén parecía unha tolemia ao igual que o día de mañá, estou seguro, parecerán dereitos inamovibles os que hoxe aínda están poñéndose en marcha.


Si, é impepinable que o 8M deben ser todos os días. Mais eu non desbotaría nin faría de menos a capacidade de poñer o foco no problema que se consegue chegados estes días. Porque en calquera lugar un contempla como boas persoas teñen interiorizado un discurso que, no fondo, nega a necesidade de reclamar o que por dereito pertence. E iso non é decente.


Celebremos o 8M, si.  Porque o necesitamos e porque aínda queda por avanzar. E tamén por recoñecemento a todo un movemento que nunca desfaleceu a pesares de que moitos fixemos moi mal as cousas poñéndoo difícil. É a maneira de honrar a quen nos fai mellores a toda a sociedade e consigue, gran a gran, conquistas que antes parecían imposibles. Porque o feminismo ten a característica de todas as reivindicacións necesarias, que soamente sabe e pode moverse nunha dirección: cara adiante.

8-M: Fainos tanta falta

Te puede interesar