Hai xa máis dun ano que David Castro preside a Mancomunidade. Supuxo o cambio algunha mellora, tal como prometeu? Vexamos.
Fracaso na xestión política dos recursos compartidos. Da urxente ampliación da depuradora de Treviscoso retorno ao punto de partida, ou sexa un atraso de dez anos, con promesas ocas e cero euros da Xunta. Ademais estamos tendo moitos problemas coa depuración da auga, que leva meses chegando turbia as casas, sen que ninguén faga nada. O bombeo de Cabanelas, 950.000 euros, pero seguen os verquidos. Compras de terreos e investimentos varios paralizados. Anunciouse un xeriátrico mancomunado. Resultou ser un bluff para tapar as vergoñas do PP cambadés. Porque esa é outra, resulta que David preside e Sabela manda. Como alcalde renunciou a elaboración dun Plan de Igualdade mancomunado, que se viña mantendo dende 2016, e antes renunciou a varios servizos de maquinaria e mantemento. Ledes ben: o presidente dunha Mancomunidade que renuncia a servizos mancomunados.
Nas relacións políticas, imprescindibles para que a Mancomunidade funcione, pois peor. Incapaz de poñer de acordo nin aos do seu partido, que o deixaron tirado e en ridículo nalgún caso e só no resto. Os Plenos sen alcaldes, e as Comisións Executivas do ente comarcal paralizadas nunha situación única, froito da súa incapacidade. E cada vez que se move empeora. Agora quere comprar unha nave, pero no canto de, antes de nada, falar cos alcaldes e alcaldesa da comarca que son os que teñen que pagar a compra, anúnciao na prensa.
O erro do PP, fóra a propia moción de censura, foi poñer a unha persoa que non da o perfil. Canto mellor era por exemplo Carlos Vieitez, un home ligado laboralmente á Mancomunidade, que coñece moi ben este ente, e ten unha relación moito máis normalizada coa maioría dos alcaldes da comarca, cunha xestión económica no seu Concello a anos luz do desastre de David en Ribadumia e cun peso político no PP á alza, como se mirou no seu xantar de Nadal e nos investimentos que está recibindo. Pero o PP deixouse guiar polas paranoias de Durán e as ansias de destacar de Sabela, que toparon no decaído David (-1000 votos) o figurante perfecto. A sorte do propio PP está no PSOE, que se limita a manter a posición. O acerto do PSOE é non dar máis importancia á Mancomunidade da que ten, pero ese tamén é o seu erro, ademais reincidente, porque a realidade é que a Mancomunidade pode ser e está sendo unha ferramenta política, e nas mans de persoas como David e Sabela, que non xogan coas normas establecidas e só queren o ente para medrar persoalmente, iso é un problema político de primeiro orde e un perigo para o futuro do ente comarcal.