Aresposta á pregunta que encabeza este artigo é: evidentemente non. Ribadumia é un concello como calquera outro, e nel vivimos un pouco máis de cinco mil persoas, a inmensa maioría desas persoas moi decentes.
E na inmensa minoría de persoas menos decentes, como en calquera concello, hai de todo. Dende adolescentes con escasa educación cívica ata contrabandistas que se pasean en coches caros, maltratadores, e outras persoas violentas, con maldade ou con outros problemas que tentan solucionar de maneira errada. E é se ben é certo que o partido político que hoxe goberna Ribadumia foi creado e está presidido por persoas con pasado turbio e aínda hoxe sentadas nos banquillos dos xulgados por cuestións de contrabando, Ribadumia non é un concello de delincuentes.
Dáme moita bágoa ver como David Castro, que leva tres anos e medio demostrando que foi un bluff e que como alcalde é un completo incompetente, manda comunicados de prensa trasladando a imaxe de que vivimos asoballados por un grupo organizado de vándalos.
En Ribadumia acontecen actos de vandalismo, si, pero dende fai tempo e como en todas partes. Algúns realizados por adolescentes, pero non todos, e dende logo non de maneira organizada como pretendeu David Castro esta semana ao xuntar varias actuacións, algunhas recentes, outras xa de fai meses, para poñer unha denuncia e dicir nos medios que uns desaprensivos están rompendo todo de maneira organizada, como se houbera un apaño de complot contra o goberno local. Iso non é certo.
Obviamente, se hai un acto contra o material urbano, débese denunciar. Pero débese denunciar no momento, non agardar a xuntar uns poucos para facer un uso polítizado de actos que son puntuais e independentes.
Pero, sobre todo, un político ten que saber entender as situacións que vive o seu concello. E un alcalde antes de sinalar co dedo ten que ser exemplo. Como vai David Castro dicirlle a ninguén que hai que coidar o material urbano, cando ten todo o concello podrecido e caendo anaco a anaco? Como vai dicirlle David Castro á xuventude que hai que comportarse con civismo, cando en Ribadumia non hai políticas que miren pola xuventude? Como vai falarlle á xuventude de manter unha vida sa e socializada cando en Ribadumia, e sobre todo en Barrantes, que é un entorno urbán, un adolescente non ten onde meterse un sábado pola tarde nin alternativas sas e socializadoras a fenómenos como o botellón?
Onde están as políticas de xuventude, que son as que actúan como preventivas ante o vandalismo e as condutas aditivas?
Que pode a xuventude de Ribadumia agardar dun alcalde que neste 2022 publicou fotos coa Garda Civil en media ducia de ocasións, recibindo no concello e dándolle agasallos, pero non foi quen de organizar un recibimento público a un chaval que é Campión Mundial de piragüismo?