Existe un universo de perfiles escuros que rondan ao poder (político, económico ou social). “Conseguidores”, “facilitadores”, “intermediarios”... son os que non aportan ningún valor e si moita opacidade. Nesa escuridade hai quen entra polo aro, pero ollo porque tamén hai quen utiliza eses métodos e logo racha as vestiduras falando da dignidade dos demais.
Hai responsabilidades legais que é imprescindible resolver, sempre e sobre calquera indicio de corrupción. Para iso existe un sistema xudicial que, aínda que é francamente mellorable, debe actuar e oxalá sempre o faga sen miramentos e coa contundencia que se mereza. Pero ademais diso hai un plano político, unha responsabilidade sobre a xestión e imaxe do que é de todos, do público. Isto vai moito máis alá do que ditamine un xuíz. A política, polo principal feito de ser o exercicio da convivencia, debe conter exercicios de transparencia e claridade moito máis alá do legalmente esixible. E, por se fose pouco, isto debe ser así precisamente porque durante moito tempo non o foi, e hai que pagar ese prezo.
Sexa como fora, é imprescindible ser implacable. Dende o discurso ata a acción. Por iso non se pode validar ningún comportamento turbio, sexa quen sexa. Non só é posible senón necesario condenar aos que se forraron sen rubor a costa da pandemia, a todos sen excepción. Tamén aos que cobraron “mordidas” por adxudicar contratos a quen non se debía. Tamén aos que cobran diñeiro de todos por traballos con non fan, e aos que o permiten. Sen reparos, sen peros e sen condicionantes. Non é decente protexer “aos propios” e atacar “aos outros”, porque os indecentes non deberan ser de ninguén e, se acaso, un debera sentirse moito máis doente polos consideraba propios. Peor aínda.
Iso si, tampouco é decente querer usar un borrón para querer manchar a todos “os de enfronte”, porque acaba por ser vomitivo e perigoso por alimentar os odios cara todo o mundo. Porque aí está o problema, en que se unicamente vemos palla en ollo alleo estamos entregándonos nos brazos dos que queren acabar con todo.
E igualmente imprescindible é actuar con decisión. Os partidos políticos, en canto se destape un problema, deben ser decisivos e áxiles en cortar polo san e desinfectar a ferida. Aí queda moito por facer, porque hai que expulsar toda sombra de sospeita e hai quen cabalga a lombos dela para facerse co propio poder. E aí temos o deber cidadán de diferenciar tamén.