A quimera do azar

A palabra “quimera”, que define unha idea ou cousa imaxinada como posible pero sen conexión coa realidade, cobra pleno sentido na ilusión que esperta o sorteo da lotaría. Cada 22 de decembro, milleiros de persoas, tanto en Galiza como noutros territorios, sentan diante do televisor coa esperanza de que o canto repetitivo do alumnado dese colexio madrileño, San Ildefonso, poida transformar as súas vidas. A Lotaría de Nadal, esa gran festa do azar, transcende o mero xogo: convértese nun fenómeno social de masas, impulsado pola publicidade e marcado por un conxunto de comportamentos individuais e colectivos que reflicten, con precisión, a sociedade na que vivimos.


As razóns que levan a participar son múltiples e, en moitos casos, profundamente asentadas na psicoloxía da xente. O soño de enriquecerse rápido, de atopar na sorte unha solución máxica para problemas económicos crónicos, fai que esta lotaría sexa percibida case como unha táboa de salvación. A publicidade reforza esta narrativa cunha estética cargada de emocións, valores de comunidade e promesas de felicidade. O xogo non só apela á nosa vulnerabilidade económica, senón tamén ao desexo humano de formar parte dun soño compartido.


As dinámicas sociais tamén xogan un papel clave á hora de empuxarnos a participar. Moitas veces, compramos décimos ou participacións movidos polo medo a quedar á marxe. Que pasaría se o número escollido pola veciñanza, as persoas coas que compartimos o traballo ou o colectivo dunha asociación fose o agraciado? Mellor non arriscarse a ese sentimento de exclusión. Outros, súa vez, participan co ánimo de apoiar causas nobres, adquirindo décimos ou participacións con recargo. 


Con todo, detrás desta festa do azar agóchase un sistema profundamente contraditorio. Por un lado, o Estado preséntase como garante da saúde mental da poboación e declara a súa intención de combater ás “adiccións sen substancia”, como a ludomanía, esa patoloxía tóxica cos xogos de azar. Por outro, é o principal beneficiado económico deste sistema, recadando unha parte importante do diñeiro apostado que non se reparte en premios e cobrando impostos aos beneficiarios agraciados. Este cinismo estrutural é evidente: foméntase o consumo dun produto que pode agravar problemas sociais e psicolóxicos, ao tempo que se disfraza de tradición social. Un labirinto sen saída posíbel. 


A pesar destas contradicións, a Lotaría de Nadal mantén a súa puxanza. É un ritual colectivo, unha promesa de igualdade nun mundo desigual, unha ilusión efémera que alimenta a esperanza, mesmo sabendo que “non tocará”. Tal vez sexa isto o que realmente sostén o fenómeno: o desexo compartido de crer, aínda que só por uns días, que un milagre é posible. Quimera dun azar utópico.


Porén, unha vez máis, ao día seguinte do sorteo, a maioría das vidas seguirán iguais. “O importante é a saúde”, ironízase con resignación, mentres o Estado celebra os seus propios “premios”. E así, ano tras ano, o ciclo renóvase. Porque, a fin de contas, ás veces o soño colectivo é máis poderoso que a realidade que o sustenta. Hipocrisía é promover o xogo mentres se desatende á saúde mental.

A quimera do azar

Te puede interesar

José A. Romero PSeguín
Xosé Castro Ratón
José A. Romero PSeguín
Xosé Castro Ratón